PLENO

O último pleno do ano dá o visto ao seu regulamento, que supón a creación dun Rexistro de Intereses e dun Debate anual do Estado do Concello

27/12/2007 O pleno da Corporación aprobou na súa última xuntanza de 2007 o documento que rexirá o seu funcionamento. Cos votos a favor dos grupos que sustentan o gobeno saiu adiante o Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, nunha sesión na que tamén se aprobaron por unanimidade a proposta de apoio á declaración da Torre de Hércules como Ben do Patrimonio Muncial e o irmandamento coa cidade italiana de Pisa.

Tras ser aprobado incialmente polo pleno o pasado 25 de setembro e tralo correspondente período de exposición pública, o Regulamento Orgánico foi aprobado definitivamente. O texto, que se pode consultar integramente no enlace desta nova, inclúe 6 alegacións, 5 presentadas polo Partido Popular e 1 de Esquerda Unida, incrementándose deste xeito a 3 o número de proposicións e de rogos e a 4 o número de preguntas admitidas en cada pleno.

Este novo Regulamento, de 139 artigos, establece o Estatuto do Concelleiro, que posibilitará a creación dun Rexistro de Intereses, de carácter público e accesible para todos os veciños a través da páxina web municipal. Segundo indicou a concelleira de Réxime Interior, Rosa Fernández, neste estatuto "plásmanse os dereitos e os deberes dos mesmos xunto coas obrigas en relación á declaración sobre causas de posible incompatibilidade e actividades, e á declaración de bens patrimoniais para ser incluídos no rexitro de intereses, que será público e de acceso libre para todos os veciños de Santiago". O modelo no que se deberán formular estas declaracións será levado tamén a pleno.

Outra das novidades da norma é a posta en marcha dun Debate do Estado do Concello como mecanismo de control público da acción de goberno. Terá carácter anual.

Queixas e suxestións
O Regulamento tamén facilita unha maior participación cidadá grazas á Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións, que velará polo cumprimento dos dereitos dos cidadáns. Unha oficina propia servirá como soporte administrativo desta Comisión. Nela os veciños poderán formular suxestións e queixas, das que se dará traslado a cada departamento municipal, coa obriga de respondelos no prazo máximo dun mes.

A Comisión, na que estarán representados todos os grupos municipais, será a segunda instancia para as queixas que non se resolvan por esta primeira vía. Ademais, elaborará un informe anual con todas as realizadas.

En liñas xerais, o regulamento potencia o carácter parlamentario do Pleno, nas súas facetas de debate, control e fiscalización. Ademais, indicou a concelleira, indica "a forma e o momento da presentación de enmendas e o tratamento que se dá ao tramite de audiencia e información pública, co fin de garantir a participación".

Apoio á Torre de Hércules e Irmandamento con Pisa
Aínda que un dos máis importantes, a aprobación do Regulamento non foi o único punto da orde do día desta sesión. Tamén se deu o visto bo á proposta formulada pola Alcaldía de apoiar a declaración da Torre de Hércules como Ben do Patrimonio Mundial, tendo en conta se trata do faro máis antigo do mundo en funcionamento, ademais de ser un punto de atracción turística de primeira orde.

Así mesmo, e tamén a proposta da Alcaldía, aprobouse o irmandamento coa cidade italiana de Pisa, urbe coa que Santiago comparte o feito de ser lugares simbólicos tanto no eido espiritual coma do turismo e cunha grande tradición universitaria e un glorioso pasado; ámbalas dúas con conxuntos monumentais recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Espérase materializar o irmandamento no segundo semestre do ano que entra.

Cómpre salientar así mesmo, o interese e a insistencia no irmandamento amosados tanto polo Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, coma polo seu homólogo en Pisa, Alessandro Plotti, quen se destacou pola defensa e promoción do Camiño de Santiago.

Desta última sesión do pleno tamén sairon aprobados os puntos relativos á ampliación de capital social de Emuvissa, coa conseguinte modificación dos seus estatutos; o nomeamento de auditor para Emuvissa e Incolsa; e a designación de representantes no Consello de Administración de Mercagalicia e en diferentes consellos.

Compartir: