TRANSPORTES

Aprobadas as tarifas dos aparcadoiros para 2008

26/12/2007 O Consello de Administración de Tussa aprobou hoxe a proposta de tarifas para os aparcadoiros para o 2008, así como a proposta de tarifas da estación de autobuses para o ano que entra e o inicio do proceso de selección para a contratación dun novo xerente, entre outros asuntos de orde interna.

Xuntamos un extracto do informe que atinxe á suba de tarifas da rede de aparcadoiros municipal.

"Tussa foi pioneira no cobro por fraccións inferiores á hora na cidade. No 2002 estableceu a tarifa por fraccións de 15 minutos, pasando a cobrar por fraccións de 5 minutos no 2004 no 2007 e, antes da obriga legal, TUSSA estableceu as tarifas por minuto nos dous aparcadoiros que xestiona actualmente.

Tussa mantivo o seu formulamento de servizo público, polo que nunca levou a cabo unha compensación das posíbeis reducións de ingresos que esta medida suporía. Centrou o mantemento dos actuais niveis de ingresos na mellora do servizo e no aumento progresivo de usuarios.

A suba proposta, dun 4,5 por cento, permitirá incrementar en 30.000 euros anuais os ingresos que permitirán facer fronte a novos investimentos nos aparcadoiros:

• Lector de matrículas nas saídas do aparcadoiro vixiado Xoán XXIII que permitiría a saída dos aboados sen usar a tarxeta, e o control na saída.

• Acondicionamento e modernización do aparcadoiro de Xoán XXIII.

Esta suba afectará de forma illada aos usuarios xa que a suba media por cliente é de 0,11 euros e mantería a TUSSA moi por debaixo das tarifas do resto de aparcadoiros.

Tamén se presentan unhas novas tarifas de aboados e bonos co obxecto de ofrecer un mellor servizo ás persoas que utilizan as nosas instlalacións e reducir a lista de espera actual. A diferenza radica en que o aboado utiliza o aparcadoiro todo o ano e o bono soamente desde setembro a xuño."

Compartir: