EDUCACIÓN

A Alameda atraerá con actividades lúdicas e de lecer aos nenos composteláns

07/07/2005 Os nenos e nenas de Santiago de entre 2 e 14 anos terán, un ano máis, a oportunidade de coñecer a Alameda e atopar en cada un dos seus recunchos un espazo novo para xogar, aprender, coñecer outros rapaces e imaxinar. Do 13 ao 29 de xullo e de luns a venres de 17 a 20 horas, o Programa Ferradura Aberta organiza obradoiros, xogos, deportes, paseos e campamentos no Paseo da Ferradura da Alameda.

"Aprender deleitando" é o principal obxectivo deste programa que chega así á súa 12ª edición, segundo explicaron a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos; a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón; o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, e o xerente do Multiusos Fontes do Sar, Santiago Cuadrado.

Grazas ao Programa Ferradura Aberta, os máis cativos disfrutarán de diversos obradoiros, xogos, deportes e camapamentos. Así, poderán recoller flores ás beiras do Sarela, coñecer as árbores do Pedroso ou compor unha brigada ecolóxica que coide as beiras do río Sarela ou do Carme de Abaixo. Ou facer equipos para xogar e aprender esgrima, tenis de mesa, xadrez, tiro con arco ou mesmo gozar no rochódromo e facer carreiras, así como viaxar no tempo e saber como se vestían na Prehistoria, como facían lume, como cazaban e elaboraban abalorios.

Outros obradoiros do programa ensinarán aos pequenos a facer cestos, encadernar libros, pintar, modelar e construír curiosas figuras de papel. E tamén haberá un karaoke, monicreques, espectáculos musicais, ludoteca, paseos en tren pola cidade cidade, inchábeis, etcétera.

Ademais, os pais terán un espazo para falar con outros pais e nais, coñecer as actividades ou descansar mentres os seus fillos se divirten.

Documentos relacionados



Compartir: