XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as subvencións para o fomento das actividades culturais e a instalación de novos semáforos en Puente Castro

26/12/2007 A penúltima sesión da Xunta de Goberno Local deste 2007 tivo como principais puntos da orde do día a adxudicación do subministro e instalación de semáforos na praza de Puente Castro, así como a proposta da Alcaldía de encomendar ao Consorcio de Santiago a formulación da proposta de candidatura de Compostela para participar cunha mostra na Exposición Universal de Shangai de 2010. Dentro das urxencias, acordouse proceder ao pago das subvencións destinadas ao fomento de actividades culturais do ano 2007.

Un total de 35.000 euros recibirán 13 entidades culturais da cidade para o financiamento das súas actividades tras acordarse na sesión da Xunta de Goberno Local do 26 de decembro proceder ao pago das devanditas subvencións. Nesta mesma sesión adxudicouse o subministro e instalación de semáforos na praza de Puente Castro á empresa Telvent, por un importe de 19.904 euros.

No apartado de infraestruturas, acordouse a posta en servizo provisoria de parte das obras de urbanización correspondentes á ordenanza especial número 5 de Galeras-Universidade (OE-5), 1ª fase, co compromiso por parte do promotor de ter rematadas e conformes as obras do resto da 1ª fase no prazo máximo dun mes para proceder á recepción correspondente.

Boa parte dos asuntos de urxencias son os relativos á prórroga de contratos, como a continuación dun traballador social, un farmacéutico, un auxiliar administrativo e dous psicólogos na UMAD, ou de 6 traballadores que prestan os seus servizos no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

O resto da orde do día complétase coa aprobación de varios beneficios fiscais, xustificación de gastos de convenios e autorización de horas extraordinarias a diverso persoal municipal.

Compartir: