MEDIO AMBIENTE

A Concellaría de Medio Ambiente impulsa a habilitación de 12 km de "Vías Verdes" en Compostela

21/12/2007 A Xunta de Goberno aprobou a proposta da concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, para que o Concello de Santiago solicite a cesión ao Adif dun tramo de vía férrea en desuso para a súa transformación en "Vía Verde". En palabras de Cienfuegos, "isto é un paso máis no camiño de conseguir a transformación destas vías abandonadas en elementos de goce para toda a cidadanía".

No caso de Santiago, a vía para habilitar trátase dun traxecto de 12 km. entre Amio e Oroso, que ten xa as condicións necesarias para poder acometer este proxecto. Xa foron retiradas as vías e as travesas ficando só a pedra solta que servía orixinariamente como asento da raís e travesas. Como calquera vía de ferrocarril, este tramo segue un trazado bastante chan e con curvas abertas, fáciles de transitar a pé ou en bicicleta despois de acondicionadas.

A Concellaría de Medio Ambiente continua a traballar pola incorporación destas vías de tren en desuso á rede de "Vías Verdes". Faino coa intención de mellorar a relación da cidadanía coa natureza e para que esta relación sexa fonte de saúde ademais de unha oportunidade para o lecer e unha alternativa para a comunicación entre os espazos do rural e destes coa cidade.

Unha iniciativa pioneira en Galicia
A "Vía Verde" de Compostela discorrerá por paraxes moi ben conservadas e ben arboradas con puntos de grande interese natural como carballeiras ou ríos, e con vistas e paisaxes moi agradables. Pasará pola antiga estación da Sionlla e pola estación rehabilitada de Berdía. No percorrido da "Vía Verde" estabeleceranse zonas de lecer para o esparexemento e paseo, ademais de indicacións para a visita a puntos próximos de interese natural ou sociocultural.

No conxunto de España son xa mas de 1.550 quilómetros de vías ferroviarias en desuso que xa funcionan como "Vías Verdes". Unha iniciativa que ten un grande interese ambiental e patrimonial, mesmo do punto de vista da saúde ou do ecoturismo. En Galicia só existe unha destas vías entre San Tirso de Abres e Villaodriz, na ría de Ribadeo, e que practicamente transcorre case na súa integridade por territorio do Principado de Asturias.

Compartir: