ALCALDÍA

Santiago, candidata a estar no espazo dedicado a cidades na Exposición Universal de Shanghai en 2010

21/12/2007 A cidade de Santiago foi recomendada pola UNESCO, membro do xurado do Comité organizador da Expo Shanghai 2010, como candidata a estar presente cun espazo propio na área reservada á presentación das mellores prácticas urbanas do mundo.

Santiago de Compostela foi recomendada pola UNESCO ao Comité organizador da Exposición como exemplo de cidade para participar no espazo UBPA, que se reserva na exposición para presentar as prácticas urbanas exemplares de 30 cidades do mundo. Santiago, Barcelona e Sevilla foron consideradas pola UNESCO e presentadas ante o Comité organizador da Exposición como cidades modélicas en calidade de vida, urbanización, innovación tecnolóxica e na protección do medio ambiente.

Compostela está convidada á sesión informativa que terá lugar o mércores 9 de xaneiro de 2008 en Madrid, na sede da Sociedade Estatal de Exposicións Internacionais e na cal o secretario xeral da Oficina Internacional de Exposicións e copresidente do xurado designado polo Comité Organizador, dará resposta ás dúbidas que poidan existir de cara á presentación das candidaturas polas cidades españolas interesadas.

En opinión do alcalde, "a Expo Universal 2010 pode ser unha oportunidade para reforzar a imaxe no mundo de Santiago de Compostela", xa que "permitirá reforzar e impulsar o proxecto urbano de Santiago e a programación plurianual para o seu desenvolvemento ata o 2010; o proxecto debe servir para lanzar un novo proxecto urbano 2010-2021, que se presentará na Expo xunto cos obxectivos e resultados acadados no período 1989-2010". Ademais, di Bugallo, "situará a Santiago nun contexto mundial basicamente urbano, no que as cidades están chamadas a liderar a mellora das condicións de vida dos seres humanos e a súa reconciliación co planeta".

"Mellor cidade, mellor vida"
A cidade chinesa de Shanghai foi proclamada sede da Exposición Universal 2010 pola 132 Asemblea Xeral da Oficina Internacional de Exposicións celebrada en Mónaco no mes de decembro do ano 2002. Dende este triunfo, tanto o Goberno chinés, coma o municipio de Shanghai esfórzanse para a consecución dunha Exposición inesquecible e dun grande éxito e que acade ou mesmo supere os niveis fixados pola Expo de Sevilla do ano 1992.

Con esta exposición o país asiático dará un paso máis na súa intención de impulsar a súa presenza internacional, un camiño moi traballado xa trala súa entrada na Organización Mundial do Comercio e teren acadado para Pequín a celebración dos Xogos Olímpicos de 2008.

Co lema "Mellor cidade, mellor vida", o desenvolvemento sostible, enfocado tanto ás urbes coma aos seres que habitan nelas, será o principal eixe temático da Expo Universal Shanghai 2010. A Expo terá unha duración de seis meses e celebrarase do 1 de maio ao 31 de outubro.

A Expo Shanghai 2010 será a primeira vez que se celebre nun país en desenvolvemento e está previsto que atraia unha participación de máis de 200 países e máis de 70 millóns de visitantes.

Direccións relacionadas



Compartir: