PROMOCIÓN ECONÓMICA

Sesenta e dúas empresas naceron ao abeiro do Proxecto Equal Compostela Social

20/12/2007 O Proxecto Equal Compostela Social impulsou dende a seu nacemento, en novembro do 2005, a creación de 62 empresas na Mancomunidade de Compostela. Superouse, polo tanto, o obxectivo da concellaría de Promoción Económica do Concello de Santiago, que marcara en 50 empresas creadas ao abeiro do programa a meta a conseguir. Do total de empresas, 42 foron promovidas por mulleres e 20 por homes; 42 no Concello de Santiago; o resto nos de Ames, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra. E con respecto aos sectores de actividade, aínda que moi variados, os máis representados son o comercio, os servizos socioeducativos e a hostalería.

O Auditorio de Galicia acolleu a Xornada Final de Transferencia e Boas Prácticas do proxecto Equal Compostela Social, no que se fixo balance do programa. O concelleiro de Promoción Económica e Turismo e presidente da AD do Proxecto, Xosé Manuel Iglesias, inaugurou a xornada acompañado polos alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, así coma do Director Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, Álvaro Ánsias.

Para poder conseguir todos os resultados presentados, dende o Proxecto puxéronse en marcha distintas actuacións, tales como cursos de formación, titorías personalizadas, microcréditos, axudas para o inicio de actividade ou mentoring, un acordo voluntario de colaboración temporal entre unha empresa dun determinado sector e unha persoa emprendedora do Proxecto para que esta persoa dispoña de toda a información necesaria como futuro empresario dese sector. Estas actuacións complementáronse cunha serie de boas prácticas para a eliminación de barreiras á participación e a conciliación da vida familiar e laboral, como as bolsas de transporte ou os vales que cubrían a contratación de garderías, centros de día, servizos de canguro e afiliares a domicilio.

Durante o proxecto, ademais da creación de empresas, elaboráronse diversos materiais de gran utilidade unha ve rematado o programa: Un banco de ideas, unha páxina web, un manual práctico para a introdución da transversalidade de xénero na planificación do desenvolvemento local, un mapa de recursos para o emprendemento e a Rede de cooperación empresarial, constituída polas empresas creadas dentro do proxecto.

Servizo integral de asesoramento
Todos estes datos deunos o concelleiro de Promoción Económica, quen asegurou que o balance era máis que positivo. "Non só polas empresas creadas- afirmou Iglesias- senón tamén polas ensinanzas e recursos xerados que tivemos oportunidade de aproveitar todos os que participamos no proxecto e que implican que, por primeira vez, se pon en marcha un servizo integral comarcal de asesoramento e acompañamento a persoas emprendedoras, adaptado ás súas necesidades e particularidades" Ensinanzas todas eles, dixo, de excepcional importancia no funcionamento dos departamentos de desenvolvemento local.

O concelleiro felicitou a todas e a todos, ás empresas creadas e, por suposto, ás entidades participantes no proxecto, e rematou convidándoos a seguir traballando no camiño marcado polo Equal, establecendo futuras colaboracións para novos proxectos que sigan esa mesma liña.

Equal Compostela Social: un proxecto común de 15 entidades
Equal Compostela Social estivo liderado polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Promoción Económica, Comercio, Emprego e Turismo, e nel participaron, ademais, os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra. No proxecto tamén colaborou a Consellería de Traballo, a USC, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Compostela, a Cámara de Comercio, a Plataforma polo Emprego, a Obra Social de Caixa Galicia e Cogami.

Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. que se financiou, na súa maior parte, concretamente o 75%, con fondos europeos. Contou con socios transnacionais en Italia, Grecia e Polonia que, con Equal Compostela Social, forman a agrupación Sectores Innovadores e Economía Social A finalidade común desta unión era promover estratexias que manteñan o crecemento do emprego de persoas desfavorecidas mediante novos paquetes de formación, apoio a empresas recentemente creadas, investigación de novos instrumentos económicos e procesos compartidos de información ou investigación e de planificación territorial.

Compartir: