TURISMO

Air Berlín conectará diariamente a Galicia con Europa Central

06/07/2005 Tralos contactos mantidos por Turismo de Santiago e Air Berlín, a liña aérea alemana presentou no Concello de Santiago o seu plan para iniciar operacións no aeroporto de Lavacolla o 1 de novembro deste ano cun voo diario que conectará á capital galega cos principais destinos centroeuropeos.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, e o director xeral de Air Berlín para España e Portugal, Álvaro Middelmann, presentaron o mércores 20 de xullo a nova compañía aérea en Santiago.

A capital galega, que se converte desta maneira no duodécimo destino de Air Berlín na península española, quedará conectada a través dun voo diario vía Palma de Mallorca con cidades como Berlín, Colonia, Düsseldorf, Hannover, Hamburgo, Munich, Nürenberg, Paderborn/Lippstadt, Stuttgart, Zürich e Viena. Outras conexións adicionais desde Palma de Mallorca permitirán enlazar con voos procedentes de Münster/Osnabrück, Frankfurt e Leipzig/Halle.

A presencia de Air Berlín en Lavacolla podería intensificarse o próximo ano se a compañía determina, a través da análise dos fluxos turísticos, que o bo funcionamento dalgunha das rutas xustifica a posta en marcha dun voo directo entre Santiago e os destinos dispoñíbeis. Isto xa se fixo no caso de Barcelona, que conta agora con dous voos diarios a Dusseldorf, un a Berlín e outro a Hamburgo.

Antes do comezo efectivo dos voos, Air Berlín e Turismo de Santiago emprenderán iniciativas de marketing conxuntas, que inclúen presentacións do destino compostelán ante o mercado alemán coa participación do ente de promoción autonómico, Turgalicia, e Turespaña.

De acordo con Middelmann, o obxectivo da nova ruta é ‘acercar a Galicia e Europa central’, tendo en conta que Compostela ‘xa constitúe un destino turístico atractivo para Alemaña, Suíza e Austria’. A isto se engade o aprecio adicional que suscita Galicia neses países grazas á presencia duna ampla comunidade galega, que tamén será público obxectivo do lanzamento.

A Centroeuropa desde 59 euros
O Boeing 737/800 que conectará a Santiago con Palma de Mallorca chegará a Lavacolla ás 16:25 horas, e sairá cara á capital balear ás 17:10 horas. A espera no hub mallorquino, en calquera dos sentidos, non excederá dos 40 minutos e non suporá cambios de terminal para os turistas que continúen voo cara a Santiago ou desde esta cidade aos destinos centroeuropeos.

Segundo apuntou Middelmann, o lanzamento pode considerarse un éxito, pois as reservas veñen facéndose efectivas desde o pasado 29 de xuño, trala aparición do novo destino na páxina web da compañía.

Os voos poden reservarse desde agora na páxina web , na central de reservas (tel. 901 116 402) ou en axencias de viaxes. En Alemaña e Suíza a compra pode facerse xa desde o teléfono móbil, polo que cabe esperar que a tecnoloxía WAP se engada pronto ás prestacións en España.

Partindo dos 29 euros que custa a viaxe ata Palma de Mallorca, os mellores prezos a Alemaña, Austria e Suíza roldan os 59 euros por traxecto, o que deixa o billete de ida e volta en 118 euros, taxas e servizo a bordo incluído. Os bebés teñen un desconto do 90% e os nenos ata 14 anos un 30% sobre a tarifa.

A segunda liña aérea alemana
Air Berlín opera desde 1979 entre Alemaña e Palma de Mallorca, que segue sendo o destino máis importante da súa rede con máis de 200 voos semanais e unha ponte aérea (o ‘Mallorca Shuttle’) que sae a diario de 12 aeroportos alemáns. As Illas Canarias, Alacante, Almería, Málaga e Xerez da Fronteira son desde hai tempo parte dos seus itinerarios, ampliados en 2002 coa introducción do ‘City Shuttle’ –agora chamado ‘Euro Shuttle’- que conecta a cidades europeas como Amsterdam, Barcelona, Budapest, Londres, Madrid, Manchester, Milán, Roma, Southampton, Viena e Zurich.

O éxito das vendas, que Middelmann atribúe ás baixas tarifas con servizo e taxas incluídas, á existencia de corporate fares para executivos, así como á combinación da venda directa e a venda a través de turoperadores, permitiu a Air Berlín converterse en 2003 na segunda liña aérea alemana, e constituír en 2004 a primeira low-fare alliance europea coa compañía aérea Niki. De feito, ambas acaban de pechar a adquisición de 70 unidades Airbus que se engadirán a unha flota de 30 Boeing cuxa idade media non supera os 3 anos, e que están dotados de tecnoloxía para a reducción do impacto sobre o medio ambiente.

De acordo co alcalde Sánchez Bugallo, a presencia dunha liña aérea destas características no aeroporto compostelán asegura un incremento a medio prazo das cifras de visitantes alemáns, suízos e austríacos, á vez que ofrece aos galegos residentes neses países unha forma vantaxosa de facer turismo de raíces voando máis frecuentemente á capital galega.

Compartir: