CONSUMO

O Concello pon en marcha unha campaña en prol do consumo responsable durante o Nadal

20/12/2007 "Se sabes máis, consumes mellor", é o lema da campaña que con motivo das festas de Nadal pon en marcha a Oficina Municipal de Atención ao Consumidor (OMIC) do Concello de Santiago de Compostela. O obxectivo: fomentar o consumo razoable e responsable ofrecendo consellos xerais e todo o que necesitamos saber entorno a posibles reclamacións.

A campaña consiste no reparto de 10.000 folletos que serán buzoneados nas casas da cidade e que tamén se poderán atopar nos centros socioculturais, nas asociacións de veciños e nos centros de atención ao consumidor.

No libriño ofrécese unha serie de consellos xerais, como evitar mercar compulsivamente, comparar antes de comprar ou ter en conta as consecuencias sociais e ambientais do consumo. Outras recomendacións á hora de facer a compra de Nadal son as de optar por produtos duradeiros e polos artigos locais e procedentes da economía social ou do comercio xusto. A guía tamén recorda aos consumidores que a publicidade vincula ao anunciante, debendo este entregar exactamente o ofertado. Dende a Concellaría de Sanidade e Consumo, dirixida por Xosé Baqueiro, tamén se aconsella evitar artigos sobre-envasados e rexeitar as bolsas de plástico para levar as compras cando se poida evitar.

Respecto a sectores concretos, hai apartados dedicados aos xoguetes, dos que se recomenda escoller os que leven marcado "CEE" e que teñan etiquetas cos datos completos do responsable; aos animais, suxerindo acudir a un refuxio no canto de mercar. No que respecta á alimentación, a guía lémbranos, por exemplo, que teñamos coidado cos produtos de procedencia descoñecida e en canto á lotería, cómpre recordar que as participacións que adquirimos de asociacións ou entidades de todo tipo deben diferenciar claramente a cantidade que xogamos e a doazón ou recargo. No caso de enviar lotería de regalo, recoméndase mandala por correo certificado asegurado ou aínda mellor, remitir unha fotocopia. Os artigos pirotécnicos, os cotillóns e as rebaixas tamén teñen o seu apartado propio para evitar que nos levemos malas sorpresas.

Finalmente, capítulo para as reclamacións, coa recomendación de gardar facturas, recibos e publicidade. Cómpre lembrar que os establecementos están obrigados a ter follas de reclamación; en caso contrario, pode solicitarse a presenza da Policía Local.

O reparto das guías compleméntase cunha campaña de sensibilización ante o consumo que xa se está a levar a cabo nos medios de comunicación. A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) está na rúa do Presidente Salvador Allende 6-8. O teléfono de información é o 981 542 314.

Compartir: