CULTURA

Maxia para un tempo de ilusións

20/12/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o Mago Antón presentaron a gala Nadal Máxico. 2º Circuíto Galego da Maxia, que se celebra o venres 21 no Teatro Principal a partir das 20:30 horas. Os magos Antón, Romarís, Richard, Luis Manuel e Vituco serán os protagonistas desta actuación, destinada a un público familiar.

A capital de Galicia quere ser tamén a capital da maxia, segundo Néstor Rego, e non podía deixar de sumarse a este Circuíto que percorre 50 concellos de Galicia. Con esta intención, anunciou que en 2008 terá continuidade Compostela Máxica, que en 2007 celebrou a súa primeira e exitosa edición. Será do 13 ao 20 de abril e reunirá de novo en Santiago ao mellor do panorama da maxia galega, española e internacional.

Como adianto, este Nadal Máxico que, en palabras do Mago Antón, "presenta un formato de festival, con cinco magos con maxias diferentes para un público familiar". O espectáculo ten unha duración aproximada de hora e media e o prezo é de dous euros para os adultos e un euro para os nenos.

O ilusionista destacou a "espectacular asistencia" que están rexistrando as galas nos diferentes concellos de Galicia, razón pola que aconsellou ao público compostelán dirixirse con tempo ao Principal. Finalmente, recordou que eventos como este ou como Compostela Máxica confirman a Galicia como "un referente da maxia no mundo".

Compartir: