PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Proxecto Equal Compostela Social chega ao seu fin coa Xornada Final de Transferencia e Boas Prácticas

19/12/2007 O xoves 20 celébrase no Auditorio de Galicia a Xornada Final de Transferencia e Boas Prácticas do proxecto Equal Compostela Social, no que se fará balance deste programa. O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, inaugurará a xornada acompañado polos alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, así como polo director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ánsias. Ás 11:30 horas, o Comité de Dirección da Agrupación do Proxecto dará unha rolda de prensa na Sala Circular do Auditorio para presentar aos medios o devandito balance.

O Proxecto Equal Compostela Social, deseñado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego impulsou dende a seu nacemento, en novembro do 2005, a creación de diferentes empresas na Mancomunidade de Compostela. Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc.

Finánciase, na súa maior parte, concretamente o 75%, con fondos europeos. Conta con socios transnacionais en Italia, Grecia e Polonia que, con Equal Compostela Social, forman a agrupación Sectores Innovadores e Economía Social A finalidade común desta unión é promover estratexias que manteñan o crecemento do emprego de persoas desfavorecidas mediante novos paquetes de formación, apoio a empresas recentemente creadas, investigación de novos instrumentos económicos e procesos compartidos de información ou investigación e de planificación territorial.

Equal Compostela Social está liderado polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e nel participan, ademáis, os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra. No proxecto tamén colaboran a Consellería de Traballo, a USC, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Compostela, a Cámara de Comercio, a Plataforma polo Emprego, a Obra Social de Caixa Galicia e Cogami.

Compartir: