MOCIDADE

Concerto para a mocidade compostelá de dous grupos dos Locais Municipais de Música

19/12/2007 O venres, 21 de decembro, celebrarase un concerto no que actuarán para a mocidade compostelá dous grupos que ensaian nos Locais Municipais de Música: Codename e Pa La Peña (PLP). A asistencia é libre e de balde, a partir das 22:30 horas.

Dende hai dous anos, o Concello de Santiago vén poñendo a disposición dos grupos de música de diferentes estilos musicais o equipamento dos Locais Municipais de Música, que permite o ensaio estable a máis de 50 grupos de música da cidade. Nestes Locais, de luns a venres, dende as 10:00 ata as 0:00 horas, desenvólvense actividades de formación que están procurando a estabilidade dun número significativo de grupos de música. Con tal motivo, dende os departamentos de Educación e de Mocidade organizaron este concerto de difusión do traballo realizado nestes locais.

Novas actividades formativas
Por outra parte e como continuación do programa de actividades presentado recentemente polo concelleiro de Mocidade, Xosé Baqueiro, estanse a desenvolver diferentes actividades de formación para a xuventude compostelá. En particular, vanse a realizar dous cursos, de fotografía dixital e de curtametraxes.

A Concellaría invita a aqueles mozos que estean interesados en achegarse a este tipo de cursos e que aproveiten o xoves, 20 de decembro, ás 18:00 horas no caso do curso de curtametraxes e ás 19:00 horas no caso de curso de fotografía dixital, a aproximarse ao Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, onde técnicos do servizo municipal informaranos sobre os contidos destes cursos.

O departamento dirixido por Xosé Baqueiro tamén convida aos mozos, ao remate do 2007, a presentar as súas propostas co obxectivo de que poidan ser recollidas na oferta formativa de 2008.

Compartir: