NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Cenlitrosmetrocadrado, o Dado Dadá e a Federación de Libreiros de Galicia, galardoados polo seu bo uso do galego

19/12/2007 Os VIII Premios Manuel Beiras foron entregados nun acto celebrado no hotel Araguaney e presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Alí estiveron os galardoados nesta edición: Cenlitrosmetrocadrado, Dado Dada e Federación de Libreiros de Galicia.

O premio na categoría de empresas que se incorporan ao galego foi para Cenlitrosmetrocadrado, empresa dedicada ao deseño gráfico nada en 2007. O xurado estimou que esta firma "sumou á iniciativa emprendedora o valor engadido de apostar pola utilización da lingua galega nun ámbito de negocio en que resulta aínda pioneiro".

Un local clásico de Compostela, o pub Dado Dada obtivo o premio destinado ás empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega. Con esta distinción recoñeceuse unha traxectoria de máis de 25 anos na difusión da cultura e do uso do galego.

Ademais, o xurado acordou unha distinción especial para a Federación de Libreiros de Galicia, coma asociación gremial sen fins de lucro que "traballa arreo na defensa da cultura galega, na dignificación do idioma e na defensa do libro galego".

Os representantes dos premiados recibiron cadansúa escultura de Acisclo Manzano. Despois da entrega de premios, o alcalde compostelán pechou o acto, tralo cal se celebrou a tradicional cea.

Os premiados tiveron palabra de agradecemento para as familias que os educaron en galego e de lembranza á figura de Manuel Beiras. Tamén se referiu a el Sánchez Bugallo, do que recordou que terá unha rúa en Santiago. Ademais, resaltou a importancia de vincular o uso do galego coa iniciativa empresarial. "Unha lingua esencialmente pervive se é capaz de incorporarse ao mundo dos negocios", apuntou.

Estes premios tratan de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega. As empresas e comercios galardoados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma galego.

O nome do premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Os galardoados na edición de 2007 foron Aceiro, T 44 e o empresario Xaquín Mato.

Compartir: