DEPORTES

Unha pista de xeo máis longa e durante máis tempo

19/12/2007 Baixo o lema "ven deixar a túa pegada", a Concellería de Deportes e o Multiusos Fontes do Sar poñen a disposición de todos os cidadáns, outra edición mais, unha pista de xeo. O xoves 20 de decembro abrirase a pista no Recinto Feiral de Amio. Este ano, esta proposta lúdica chega con novidades en canto a lonxitude da pista, horarios e descontos.

A pista de xeo estará instalada dende o 20 de decembro ata o 20 de xaneiro. Os que se queiran achegar ata a instalación sen utilizar o coche, poderán facelo nos autobuses urbanos das liñas C1 e C2, ou na liña 1 (que circulará os sábados pola tarde, domingos e festivos). O horario de apertura da pista será o seguinte: de domingo a mércores de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas; de xoves a sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 02:00 horas.

O prezo da entrada é de 5 euros, e incluirá o acceso á pista de xeo durante unha hora mais o aluguer dos patíns. Será obrigatorio o uso de guantes.

Co fin de facilitar o acceso de todos a esta actividade, este ano prolongouse o tempo de permanencia da pista ata o 20 de xaneiro. No anterior Nadal, a pista de xeo estivera aberta do 18 de decembro ó 14 de xaneiro, pero a alta demanda de público obrigou á organización deste ano a prolongar a súa apertura. Ademais, no Nadal 2006, só se abriu de noite seis días, e desta volta vaise abrir ata as dúas da madrugada un total de 15 días (todos os xoves, venres e sábados).

Unha pista máis longa
Por outra banda, a pista de xeo instalada en Salgueiriños en 2006 medía 20x30 metros, e este ano optouse por facela máis longa para facilitar a patinaxe. Así, a pista que se van atopar os que se despracen ata o Recinto Feiral de Amio terá unhas medidas de 36x18 metros.

Descontos
Outra novidade deste ano ten relación co peto. Ao igual que em 2006, a utilización da pista durante unha hora e mais o aluguer dos patíns custará 5 euros. Pero todos aqueles que presenten o seu carné de abonados ao Multiúsos Fontes do Sar ou ao Complexo Deportivo Santa Isabel terán un 50% de desconto e poderán patinar por tan só 2,5 euros.

A inauguración oficial da pista terá lugar o xoves 20 de decembro, ás 11:30 horas. No acto estarán presentes o concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, e o xerente do Multiúsos Fontes do Sar, Santiago López Cuadrado.

Compartir: