EDUCACIÓN

Case 1.600 alumnos participaron nas visitas didácticas á exposición Santiago dC

19/12/2007 Remata o programa de visitas didácticas á exposición Santiago dC, na sede do antigo Banco de España, e faino co "obxectivo cumprido", segundo a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez. Un total de 1.587 alumnos e alumnas, de 34 centros, achegouse a esta mostra.

Ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro realizáronse 72 visitas, nas que participaron tanto centros de ensino de Santiago como da comarca e do resto de Galicia. Tamén visitaron a exposición outros colectivos da cidade, como Agadea, Aspas, Asociación Dano Cerebral Sarela, CEE O Pedroso, Centro de Maiores, Cruz Vermella de Santiago, Hospital Psiquiátrico ou Residencia Porta do Camiño.

O obxectivo didáctico desta mostra era fomentar a relación escola-medio para que a cidade se convertera nun lugar de observación, recollida de datos e experiencias. Os alumnos aprenderon a entender a cidade, a valorar o patrimonio e a exercer como cidadáns activos.

Guadalupe Rodríguez aproveitou o balance das visitas didácticas para invitar ás familias a achegarse ata Santiago dC durante o Nadal, cun programa especialmente dedicado para elas. Nun horario de 11:30 a 12:30 horas, as familias interesadas poderán participar nunha visita didáctica dunha hora entre o 26 e o 30 decembro.

Compartir: