TURISMO

Éxito de expositores no Fórum Gastronómico Santiago’08

18/12/2007 A feira que albergará o Fórum Gastronómico Santiago’08. As cociñas do Atlántico converterase nun amplo escaparate onde confluirán axentes de produción, produtos innovadores e as últimas tendencias no mundo da hostalería. A expectación que está a provocar a celebración de este evento en Compostela reflíctese no feito de que, a tres meses do Fórum, todo o espazo feiral xa está vendido. Con todo, xa están abertas as listas de espera.

Os stands do Fórum representan un amplo abano de actividades, que van dende produtos frescos (carnes, peixes, mariscos), produtos agroalimentarios (queixos, aceites, meles, hortalizas) ata conservas, viños, augardentes, cervexas, algas ou cogomelos. A eles súmanse outros expositores, representantes dos máis innovadores avances en materia de hostalería: servizos de catering, vestiario profesional, maquinaria, distribucións, vaixelas e mesmo editoriais de libros gastronómicos. Así mesmo, estarán representadas institucións como a Xunta de Galiza ou a Generalitat de Cataluña.

O espazo feiral é o punto de encontro entre congresistas, visitantes, produtores e expositores e no que as mellores empresas do sector enogastronómico presentarán unha selección dos seus produtos. Nel confluirán tres iniciativas encamiñadas á posta en valor do produto gastronómico: o Ateneo, que se encherá con presentacións, catas e degustacións dos mellores produtos; o InnoFórum, no que confluirán os produtos máis innovadores do mercado e As cociñas do Camiño, onde os cociñeiros máis representativos do Camiño de Santiago presentarán o seu produto e alta cociña en oito etapas gastronómicas.

Compartir: