ALCALDÍA

Santiago liderará un proxecto de renovación urbana sobre cidades intelixentes

17/12/2007 Sánchez Bugallo debaterá en Sevilla co secretario de Estado para Asuntos Europeos, Alberto Navarro, aspectos da cohesión territorial atlántica. A xuntanza celebrarase en xaneiro e contará coa participación de ministros europeos.

O presidente da CCAA, Xosé A. Sánchez Bugallo presidiu o Buró Executivo de inverno na cidade francesa de Rennes. Durante a sesión expuxéronse as perspectivas de futuro das cidades atlánticas dentro do marco das novas axudas europeas para o período 2007-2013 formuladas este outono. En concreto trátase dos programas INTERREG IV C, que foi lanzado en setembro en Lisboa e o INTERREG IVB ATLANTIC, que se presentou o venres 14 de decembro en Porto e que afecta precisamente aos territorios atlánticos.

Un dos principais obxectivos destas novas axudas será desenvolver accións encamiñadas a reequilibrar a riqueza dos territorios, neste caso atlánticos. Os principios da cohesión territorial foron introducidos en Europa para preparar precisamente a entrada de España e Portugal na UE, e dende entón as políticas rexionais convertéronse en ferramentas fundamentais para o desenvolvemento dos territorios. Este proceso culminará en outono do 2008 coa aprobación do Libro Verde sobre a Cohesión Territorial por parte da UE.

Cohesión territorial
En relación con este tema, o Buró decidiu que as cidades e rexións atlánticas manterán unha reunión co secretario de Estado para os Asuntos Europeos, Alberto Navarro, o 18 de xaneiro en Sevilla. Sánchez Bugallo acudirá a esta reunión como presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico, e Vicente Álvarez Areces como representante da Comisión Atlántica da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas. Na xuntanza participarán tamén varios ministros europeos. Dentro do calendario de cara ao 2008 decidiuse tamén que Santiago acolla a celebración do próximo Buró Executivo, que terá lugar previsiblemente o 9 de maio, coincidindo co Día de Europa.

Exposición itinerante
Nesas mesmas datas, a CCAA organizará en Compostela unha reunión que ten como obxectivo constituír o comité científico, composto por profesores universitarios e conservadores de museos, que terán como misión elaborar a sinopse definitiva da exposición itinerante que se pretende organizar en colaboración co Museo de Europa. A mostra viaxará por todo o territorio da CCAA e tentará demostrar que as Cidades do Arco atlántico contribuíron a forxar un carácter da cultura europea a través dos descubrimentos.

Santiago aportará a esta exposición obxectos procedentes dos diferentes museos da cidade. O percorrido histórico da exposición abarcará desde os séculos XV-XVI, a era dos descubrimentos e da creación dos primeiros imperios portugués e español, ata o século XX afondando en temas coma os movementos migratorios provocados polo franquismo e con posterioridade o regreso dos "indianos" procedentes da emigración.

Cidades Intelixentes
Dentro da axenda de traballo a desenvolver durante 2008, acordouse tamén que Santiago coordine, xuntamente con San Sebastián e en colaboración con outras cidades membro da CCAA, un proxecto sobre cidades intelixentes. Desenvolveranse experiencias pilotos na Rede de Cidades do Arco Atlántico en función dun modelo que promoverá as relacións entre as áreas metropolitanas; apoiando o planeamento urbano, a sostenibilidade; fomentando mellores economías; e alentando, a través da cooperación, medidas de aforro de custes.

A renovación urbana en combinación coas políticas de vivenda será un dos apartados estrela deste programa. As experiencias de Compostela neste ámbito serán presentadas como un exemplo de planificación para os seus socios da CCAA, que loubaron os criterios cos que traballa a cidade, como a obriga de destinar un 40% do solo á vivenda protexida, que contrasta coa lei francesa que marca tan so un 20%.

Os obxectivos do programa "Territorios Intelixentes" traballarán ademais as áreas de transporte, desenvolvemento económico, protección do medioambiente e equidistribución. É importante resaltar que as cidades medias como Santiago, representan dous terzos da poboación urbana mundial, e que presentan toda unha serie de características positivas: relación co medio natural, escala humana, proximidade aos servizos, inferiores niveis de tráfico, stress e conflictividade social, etc.

Deste xeito, o programa que liderará Santiago pretende xerar en torno a Santiago unha "Cultura Metropolitana" de Cooperación e Complementariedade, asumindo a necesidade e as vantaxes da colaboración interinstitucional, para evitar que o futuro da cidade e o seu entorno metropolitano, sexa a mera suma de planeamentos municipais inconexos e intereses privados.

Visita a Les Champs Libres
O domingo 16, o alcalde foi convidado polo alcalde de Rennes, Edmond Hervé, a visitar o edificio de Les Champs Libres, un centro cultural que acaba de abrir as súas portas na capital da Bretaña francesa. Bugallo aproveitou a visita para coñecer de cerca o proxecto cultural de Les Champs Libres, que alberga o Museo de Bretaña e aporta tamén unha visión multidisciplinar da cultura en colaboración coas asociacións culturais e científicas da cidade.

Na mesma tarde do luns 17, Sánchez Bugallo ía ser recibido oficialmente pola corporación da cidade de Rennes no concello da cidade.

Compartir: