URBANISMO

Sánchez Bugallo: "O número de vivendas construídas en Santiago en 2008 non só non vai baixar, senón que aumentará de forma significativa"

14/12/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, analizou na súa rolda dos venres o contido da súa entrevista cos promotores inmobiliarios de Compostela. Fronte á preocupación destes pola ralentización do ritmo de construción, indicou que "o número de vivendas construídas en Santiago en 2008 non só non vai baixar, senón que aumentará de forma significativa; só que este crecemento se concentrará nos sectores de vivenda protexida e de prezo taxado".

Sánchez Bugallo referiuse a algunhas preocupacións dos promotores ante a entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal o venres 21 de decembro e, en particular, sobre as dificultades para vender vivendas libres. Neste sentido, apuntou que "non é un fenómeno exclusivo de Santiago, senón que depende de factores sobre os que nos non podemos influír como son as subidas dos tipos de interese e as restricións de créditos tanto para a construción como para a adquisición". Isto, engadiu, fixo tamén desaparecer a figura do inversionista na compra de vivenda.

Fronte a isto, o alcalde recordou que o modelo de Santiago pasou de ser, en 2002, dunha distribución de 400 vivendas protexidas e 1.000 libres, a ser en en 2008 a inversa, cunha proporción de 1.000 protexidas fronte a 400 libres. Esta situación –recalcou- obrigará a algunhas empresas a reorientar a súa actividade para participar no mercado da vivenda protexida ou na de prezo taxado.

No actual contexto do mercado inmobiliario, Sánchez Bugallo ve "difícil" que baixe o prezo da vivenda libre. "Isto pon en valor a iniciativa municipal das vivendas de prezo taxado, que empezamos coas 150 do Restollal e que continuaremos con 350 máis en Pontepedriña e Castiñeiriño", afirmou. "Penso que se venderán moi ben", indicou a propósito da posibilidade de "mercar por 30 millóns de pesetas unha vivenda de 90 metros cadrados que libre custaría 50".

Garaxes e alturas
Outra das preocupacións formuladas refírese á obriga de ter dous garaxes por cada 100 metros construídos. O rexedor municipal lembrou que está é unha esixencia da Lei do Solo de Galicia. En calquera caso, amosouse disposto a "estudar fórmulas para que, no caso de que se xustifique a imposibilidade física de facer eses dous garaxes, se poida excepcionar o cumprimento da norma". De tódolos xeitos, recordou que este tema non fora posto sobre a mesa na fase de alegacións.

Tamén se referiu ás queixas dos promotores sobre a esixencia de 2,50 metros entre o forxado dos pisos e o teito. Indicou que a Xunta prepara un decreto que situará esta distancia en 2,70 metros, o que obrigará a "reaxustar o Plan". Recordou que o PXOM fixa a altura máxima dos edificios "para facer coincidir as cornisas".

Finalmente, sobre a esixencia do PXOM de que os pisos teñan cando menos dúas habitacións exteriores. "Podemos interpretar que os apartamentos poden excepcionarse", dixo, pero advertiu que tamén a Xunta prepara modificacións neste tema.

Compartir: