CULTURA

A Caravana Solidaria parte cara a Chiapas financiada cos cartos recadados no Festiclown

13/12/2007 "Levar o sorriso e a solidariedade a comunidades que o precisan para que se coñeza e se mellore a súa situación" é o obxectivo da Caravana Solidaria, que un ano máis pare cara Chiapas (México) financiada polos cartos recadados no Festiclown. Así o explicou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, na presentación desta viaxe na que, a través da risa e do clown, intentarán dotar ás comunidades locais de instrumentos cos que sobrevivir a unha realidade hostil para os pobos indíxenas.

A través de obradoiros de clown e zancos, sete persoas achegaranlle á comunidade zapatista, durante 25 días, novas ferramentas para unha maior difusión das súas actividades. Trátase de achegar ideas, emocións e estratexias "na procura dun mundo máis xusto", apuntou Fran Rei, da Cooperactiva Cultural. Acompañounos tamén na presentación da iniciativa Txeli Vicente, tesoureira de Pallasos en Rebeldía.

Esta vez Caravana Solidaria non levarán a México só risos e pallasadas, senón tamén cartos e axuda para as comunidades arrasadas polas inundacións do mes de novembro. O sustento económico que permite financiar a caravana e as axudas é o do Fondoclown, fondo das entradas aos espectáculos do Festiclown 2007.

Ademais de visitar Chiapas, esta delegación do riso ten previsto celebrarar cos seus habitantes o primeiro de xaneiro, o levantamento zapatista no Caracol (Chiapas). Tamén darán formación de clown a promotores e actuarán en diversas comunidades indíxenas. E para dar conta dende o cinema da realidade do día a día dun pobo en conflito, a autora catalá Anna Soldevilla gravará un documental.

Compartir: