COMERCIO

Os comercios da rúa de San Pedro abrirán ata as doce na súa "Noite Branca"

13/12/2007 O Barrio de San Pedro celebrará o sábado 15 de decembro, dende as doce da mañá ata a madrugada a súa "Noite Branca", promovida pola Asociación de Comerciantes de San Pedro e a Comisión de Festas do barrio. Unha iniciativa dinamizadora e pioneira á que están convidados a participar todos os veciños de Compostela.

O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, presentou esta xornada, que se desenvolverá nun barrio que, segundo dixo, ten unha perspectiva de futuro prometedora, por estar situado nunha zona de gran dinamización urbana e comercial e ser a porta de entrada dos peregrinos procedentes do Camiño Francés".

A presidenta da Asociación de Comerciantes de San Pedro, Leonor Díaz, que explicou o programa de actividades, no que salienta o feito de que os comercios da rúa vaian estar abertos ata as 12 da noite, como medida excepcional, e que a rúa sexa peonil dende as 17:00 horas. Ademais, durante a xornada estarán tamén abertos os museos do barrio, o CGAC e o Museo do Pobo Galego; e a Zona "C" retrasará a súa hora de peche habitual. As actividades serán variadas e para todos os gustos: observar as estrelas e a lúa, un torneo de soft combat, obradoiros de debuxo ao natural, animación de rúa e malabares...

Ademais, os máis pequenos terán a posibilidade, única en Compostela, de gozar coa obra de teatro Alá no fondo hai sitio abondo, da Compañía Chévere, unha obra que, segundo explicou un dos membros da compañía, Xesús Ron, trata sobre o mundo da nanotecnoloxía. Será representada no CGAC.

Tamén haberá música, da man do grupo Batuko Tabanka, mulleres caboverdianas que interpretan cantos e ritmos típicos do seu pais, e dos grupos de pop rock Donkey’Scream e Codename.

Compartir: