ALCALDÍA

O alcalde destaca o impacto xerado na cidade pola chegada das compañías de baixo custo

13/12/2007 As III Xornadas de Aeroportos Rexionais reúnen en Compostela a aeroliñas e xestores de aeroportos rexionais na busca de estratexias comúns neste cambiante mercado. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o evento,organizado en torno a tres paneis: Retos das compañías aéreas nun escenario de cambios, Análise dos posibles modelos de xestión aeroportuaria e Impacto económico e turístico dos aeroportos rexionais no seu entorno.

Sánchez Bugallo referiuse á importancia económica e ao salto cualitativo que para Santiago supuxo a chegada das liñas de baixo custo a Lavacolla. Despois de poñer ao aeroporto de Girona como exemplo de crecemento a partir das low cost (de 400.000 a 4.000.000 pasaxeiros), insistiu na achega que o pasaxeiro destas compañías fai á cidade.

Pola súa parte, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, resaltou o "crecemento sen precedentes" do aeroporto de Lavacolla dende 2004 a 2006, de máis do 26% e a previsión de superar os dous millóns de pasaxeiros en 2007. Finalmente, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, aludiu á necesidade da implicación das administracións na xestión dos aeroportos.

Este encontro busca estimular as relacións entre as aeroliñas, os aeroportos, as rexións e os sectores económicos interesados no tráfico aéreo. No Hostal dos Reis Católicos debátese sobre o impacto económico e turístico dos aeroportos rexionais, sobre os modelos de xestión aeroportuaria e sobre os retos das propias compañías no escenario actual.

Compañías como Iberia, Air Europa, Air Nostrum, Spanair, Air Berlin, Transavia, Clickair, Ryanair e Vueling participan nas xornadas. Estas permítenlles tamén entrevistarse en privado cos representantes de gobernos locais, padroados, consorcios e empresas privadas asistentes.

Na apertura das Xornadas participaron tamén o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves; o presidente da Deputación de Girona, Enric Vilert e o vicepresidente da Deputación da Coruña; Pablo Villamar. O director de Turespaña, Félix Larrosa, pronunciou a conferencia inaugural.

Compartir: