PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO

O futuro Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa será un referente para demandantes de emprego, emprendedores e PEMES

05/07/2005 A Xunta de Goberno aprobou o luns 4 de xullo a adxudicación dunha asistencia técnica para a redacción do proxecto básico para a construción do que será o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á empresa, que estará situado no SUP-6, preto do Estadio de San Lázaro, e que será un punto de encontro para emprendedores, empresas xa creadas, entidades sen ánimo de lucro e desempregados. O futuro Centro terá arredor de 1.500 metros cadrados e contará cun investimento de 1.160.000 euros.

O Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á empresa quere ser a "casa de referencia" para emprendedores, demandantes de emprego e PEMES, isto é, un lugar de referencia no ámbito da promoción económica na cidade. Segundo explicou o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, o CERSIA Empresa estrutúrase en torno a tres obxectivos ou ámbitos de actuación.

Primeiramente, o apoio a emprendedores constitúe un dos elos básicos deste proxecto, posto que nel integraranse os servizos de asesoramento a emprendedores "que soñen un proxecto empresarial", explicou Iglesias, e que a Central de Recursos e Servizos se encargará de armar para que o poida desenvolver. Asesoramento técnico, formación e apoio económico serán os eixos centrais deste ámbito de actuación. Ademais, a convivencia de distintos proxectos no mesmo espazo permitirá a creación de sinerxías entre eles.

Doutra banda, a área de emprego contará con programas de inserción laboral e terá unha aula informática para a realización de actividades de formación específica. O centro quere converterse en punto de referencia para a busca de emprego titorizada e máis para o desenvolvemento de programas de capacitación e actualización para os traballadores e empresas da cidade, explicou o concelleiro de Promoción Económica e Emprego. Nesta área tamén se aloxará o Observatorio Local do Emprego, que achega a información de base para a elaboración e avaliación das políticas de emprego da Concellería.

Por último, a área empresarial e de promoción económica da zona contará cun servizo de asesoramento a empresas xa establecidas que queiran ampliar a súa actividade vía desenvolvemento de novos produtos e servizos ou ben vía a explotación dos seus produtos en novos mercados.

Como centro de referencia na cidade, CERSIA Empresa aspira a convertirse no lugar idóneo para a celebración de eventos relacionados coa promoción do investimento na zona, co fomento de actividades emprendedoras, roldas de negocios, xornadas de comercio, etcétera. Así mesmo, quere constituírse no lugar de encontro das relacións entre o tecido empresarial da zona e o ámbito de carácter científico, relacións especialmente importantes para o desenvolvemento económico da cidade, como se apunta no Plan Estratéxico.

Compartir: