DEPORTES

Sar e Santa Isabel amplían horarios para abrir case 15.000 horas ao ano

11/12/2007 As piscinas de Sar reabriron as súas portas tras unhas obras de remodelación. Esta ocasión foi aproveitada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo para visitar as instalacións, cuxa reapertura coincide cunha ampliación de horarios nas instalacións xestionadas pola sociedade mixta Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE).

Segundo recordaron o alcalde e o xerente de XADE, Santiago Cuadrado, dende o día 10 de decembro, o multiúsos Fontes do Sar, o complexo deportivo de Santa Isabel e as piscinas do Sar abren as súas portas de luns a venres de 7:00 a 23:00 horas, os sábados de 09:00 a 20:00 horas, e os domingos de 9:00 a 14:00 horas.

Co horario anterior ó cambio, as tres instalacións deportivas sumaban un total de 14.196 horas anuais. Trala ampliación de horarios, os tres complexos xuntos abren un total de 14.976 horas ao ano. "O obxectivo é que todo o mundo poida ter unhas horas para facer deporte", apuntou Bugallo, quen resaltou os máis de 10.000 usuarios que teñen as tres instalacións, "algo máis do 10% da poboación da cidade".

Melloras nos vestiarios
En canto ás obras nas piscinas de Sar, o alcalde recordou que supuxeron un investimento de 240.000 euros. A reestruturación permitiu aumentar a dotación dos vestiarios de inverno e servizos hixiénicos, e a mellora de servizos complementarios. En concreto, pasouse de 12 a 26 duchas regulables en temperatura, ante a alta demanda de usuarios. Ademais, instaláronse catro novos urinarios, catro lavabos e nove retretes.

A obra tamén implicou engadir un vestiario habilitado para as rapazas e rapaces menores de cinco anos, que ata o momento non tiñan un lugar pensado exclusivamente para eles. Isto supón solucionar o problema xurdido á vista do alto número de cursos para rapaces que se celebran ao longo do inverno.

Tamén se acometeu a reforma do acceso ás piscinas. Así, mellorouse o túnel polo que se pasa ao globo presostático, solucionando o contraste térmico entre os vestiarios e o mesmo. Igualmente, resolvéronse os problemas de condensación.

Compartir: