TURISMO

Compostela e Xerusalén recuperan os lazos que as unen dende hai séculos

10/12/2007 A delegación galega que entre os días 5 e 8 de decembro visitou Terra Santa fixo balance da viaxe nunha rolda de prensa conxunta. O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, que participou nesta expedición, resaltou os resultados satisfactorios da mesma.

Iglesias relatou os contactos establecidos e a colaboración marcada para o futuro, baseada na coincidencia de aspiracións. Estes intereses comúns faranse efectivos no vindeiro Ano Santo, con actividades que achegarán aos cidadáns os vínculos existentes entre as dúas cidades. Ademais, referiuse ao importante labor de promoción turística de Santiago que implicou esta viaxe.

Pola súa parte, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, referiuse tamén a esa necesidade de "recupera a relación inicial con Xerusalén" e convertela en "contacto permanente". Respecto á presentación do produto turístico de Compostela, destacou os contactos mantidos tanto con touroperadores israelís como palestinos.

Xa en referencia ao futuro e a Santiago, Lois anunciou que se está a traballar na forma de ordenar o fluxo de turismo, especialmente nas prazas próximas á Catedral, xa que, indicou "queremos que siga vindo moita xente, pero non queremos caer na masificación e na degradación, tanto patrimonial como do espazo de culto".

O deán da Catedral, José María Díaz, agradeceu a "sensibilidade" da Administración para abordar este problema, grazas a estudios técnicos. En calquera caso, indicou, "non se contempla a posibilidade de pechar a Catedral nin de cobrar entrada".

Xosé Manuel Iglesias e Rubén Lois anunciaron futuras iniciativas para seguir potenciando a oferta turística das Cidades Santas, tanto en relación con Xerusalén como con Roma. Neste sentido, Lois expresou o seu desexo de que a iniciativa privada comece a ofrecer paquetes turísticos conxuntos para visitalas.

Compartir: