ALCALDÍA

A cidade de Santiago reafirma o seu compromiso coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos

10/12/2007 Con motivo da celebración do Día dos Dereitos Humanos, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, leu un manifesto no que se afirma o compromiso da cidade de Santiago cos obxectivos contidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proclamada hai 59 anos nesta data pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Este acto enmarcouse na inauguración, na praza da Quintana, dunha exposición itinerante sobre cooperación galega organizada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta.

Segundo as palabras pronunciadas por Sánchez Bugallo, "o dereito á vida, á liberdade, á Igualdade e á dignidade son os piares básicos sobre os que a convivencia se debe asentar. Por iso lembrou que "en moitas sociedades occidentais gozamos xa, tras moitos anos de esforzo, do acceso universal á educación ou á sanidade, da protección do imperio da lei ou da igualdade entre os xéneros". Pero por contra, "en moitas outras, especialmente en África, Asia e América Latina aínda queda un longo camiño por percorrer", indicou.

O alcalde referiuse tamén ao dereito dos pobos ao seu desenvolvemento, en virtude do cal "todos os seres humanos e todos os pobos están facultados para protagonizar o seu propio desenvolvemento económico, social, cultural e político, acadando a capacidade de exercer a súa soberanía".

Por todas estas razóns, recalcou que "aínda temos todos moito por facer aquí superando prexuízos que lastran o noso progreso e, no Sur, facendo unha sincera análise sobre as causas da pobreza que impiden o seu desenvolvemento". Nesta dirección, comprometeu á cidade de Santiago no esforzo en prol dos contidos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos "como medio e coma fin nas relacións entre persoas e entre pobos.

A lectura deste manifesto precedeu a unha visita á exposición itinerante sobre cooperación galega que está a percorrer as cidades galegas. Esta mostra, situada na praza da Quintana quere achegar á poboación as necesidades dos países máis empobrecidos do mundo. Faino a través de fotografías, proxección de audiovisuais, textos explicativos e conta contos para os máis pequenos. Todo isto nun espazo formado por unhas jaimas.

A exposición pretende informar e sensibilizar aos galegos sobre a importancia da tarefa de cooperar. Estímase importante que Galicia perciba que a esta é a primeira xeración que conta cos recursos necesarios para acabar coa pobreza e coas desigualdades.

Compartir: