TURISMO

Continúan as actividades en torno ao polbo en "Santiago de Compostela. Repetirás"

07/12/2007 O sábado 8 e o domingo 9 de decembro, os afeccionados ao polbo teñen unha nova posibilidade de aprender a cociñalo con "Santiago de Compostela. Repetirás". Tras o éxito acadado nos obradoiros da semana anterior, con máis de 40 asistentes, o sábado día 8 de decembro será Zulema García quen realice en directo as súas especialidades, explicando o proceso seguido, de xeito que cada asistente poda repetir a experiencia na súa propia cociña. Este obradoiro impártese na Galería Sargadelos ás 18 horas e poden participar ata 45 persoas que, por tan só 10 euros, aprenderán durante 2 horas diferentes xeitos de cociñar cogomelos.

Zulema García é cociñeira do coñecido establecemento de comidas compostelán A Viña de Xabi e profesora na Escola de Hostalaría Paseo das Pontes da Coruña. Ademais, todo o polbo cociñado durante este mes nos obradoiros de "Santiago de Compostela. Repetirás" é cedido pola Confraría de Pescadores de Bueu, que vén de por en marcha a marca "Polbo das Rías", que garante a orixe galega deste polbo.

Excursión temática e menús especiais
Ese mesmo sábado pola mañá, todas aquelas persoas interesadas no mundo do polbo poderán achegarse a el máis en profundidade participando nunha excursión a Fisterra que sairá de Santiago ás 9 da maña e O inclúe a asistencia a unha poxa na lonxa. Tamén se visitará o Castelo de San Carlos, que aloxa un museo etnográfico sobre a vida mariñeira e as artes de pesca.

Ademais, durante todo o mes, máis de 20 restaurantes de Santiago de Compostela continuarán ofrecendo menús e pratos especiais elaborados a base de polbo. Os clientes só teñen que pedir a carta "Santiago de Compostela. Repetirás" nos restaurantes que amosen o distintivo de establecementos colaboradores para gozar de pratos coma Tortilla de grelos e polbo á feira ou Polbo con ameixas.

O programa "Santiago de Compostela. Repetirás" é unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, que busca achegar a composteláns e turistas o mellor da cociña galega de tempada.

Compartir: