SERVIZOS

Oito axentes cívicos promoverán bos hábitos na recollida do lixo entre os cidadáns

05/12/2007 A concelleira de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Servizos, Marta Álvarez-Santullano, presentou a campaña "Compostela Cidade Cívica", que pretende fomentar os bos hábitos na recollida de lixo. Oito axentes cívicos, debidamente uniformados, advertirán aos cidadáns sobre as condutas incorrectas e informarán á Policía Local no caso de que estas persistan.

Esta novidosa iniciativa arrincou o 5 de novembro e, neste primeiro mes serviu para recoller información sobre os principais problemas que afectan á recollida do lixo: depositar o lixo fóra do horario de recollida, deixar o lixo fóra dos contedores, non pregar as bolsas de cartón nos contedores soterrados… Sobre estas e outras prácticas incorrectas informarán aos infractores os axentes cívicos, que traballarán de luns a venres, en horario de 8:00 a 23:00 horas, no Casco Histórico e no Ensanche. A duración da campaña é de nove meses.

Segundo indicou a concelleira, "os axentes non teñen capacidade sancionadora e a súa función será informar aos veciños sobre as súas condutas, pero si poderán avisar á Policía Local no caso de que persistan nestas condutas". Nas súas palabras, "esta campaña responde ao espírito do Goberno local de apostar pola educación e o civismo como valores esenciais".

O financiamento desta campaña, cifrado en 15.000 euros corre a cargo de Urbaser, que no seu contrato co Concello ten unha partida anual destinada a campañas de educación ambiental. O custo do persoal é asumido pola Consellería de Traballo a través do seu Plan de Cooperación.

Compartir: