CULTURA

Case 30.000 espectadores avalan o éxito dunha nova edición de Cineuropa

04/12/2007 A XXI edición de Cineuropa pechouse cunha asistencia de 29.984 espectadores, unha cifra que supera en máis de 5.000 espectadores a de 2006. Deste xeito, o público respaldou coa súa presenza unha convocatoria que, tanto para o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, como para o director do festival, José Luis Losa, foi a "mellor da historia de Cineuropa".

Para Rego, o público respondeu unha vez máis a un festival "cun programa amplo e de calidade". Nese diagnóstico coincidiu Losa, quen afirmou que Cineuropa deu "un salto cuantitativo e cualitativo", tanto pola súa programación como pola presenza de importantes personalidades do mundo do cine.

Nesta edición, os votos do público deron como gañador na sección oficial ao filme The edge of heaven, de Fatih Akin, que ven de recibir tamén recentemente o premio ao mellor guión nos Premios do Cine Europeo. Esta película recibiu un 8 na puntuación final, polo 7,9 que o público lle outorgou ás dúas seguintes clasificadas: Xuntos e máis nada e Fados.

Cara á vindeira edición, o concelleiro anunciou un festival "renovado e cobizoso para seguir atraendo o público" pero, en calquera caso, "mantendo o seu carácter de mostra". "No Estado non hai outra plataforma semellante a esta", dixo José Luís Losa a propósito dun festival que permite manter todo un mes de cine.

Compartir: