PROMOCIÓN ECONÓMICA

"Compostela, capital de compras" quere consolidar á cidade coma referente comercial

03/12/2007 O director-xerente da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galica (Turgalicia), Xesús Pereira, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentaron a campaña Compostela, capital de compras, que se desenvolverá durante o mes de decembro. O obxectivo da campaña, enmarcada no Plan de Excelencia Comercial, é consolidar a Santiago como un referente comercial da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

Compostela, capital de compras conta un orzamento de 60.000 euros, 30.000 achegados por Turgalicia, 18.000 pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio e 12.000 euros pola Deputación da Coruña. A campaña publicitaria contempla a difusión de 92 anuncios en televisión: 27 pases en TVG, 25 na TVE en Galicia, e 40 nas desconexións da RTP (Radio Televisión Portuguesa) para o norte de Portugal, no que se inclue o patrocinio de Bom día Portugal.

Ademais, colocaranse tres valos publicitarios na autopista Tui-Portugal, no aeoporto de Santiago, e no aeroporto de Porto. Finalmente, instalaranse 14 mupis: dez nas rúas de Santiago, un na dársena da estación de autobuses de Santiago e os tres restantes na estación de ferrocarril e no aeroporto de Porto.

A campaña complétase cun anuncio na revista Culturall, editada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo, Turismo de Santiago e o Consorcio de Santiago; e con banners nas páxinas web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio www.maiscompostela.org e de Turismo de Santiago www.santiagoreservas.com.

Compostela Capital de Compras enmárcase nos programas de dinamización e promoción económica do Plan de Excelencia Comercial. Esta liña de actuación, consensuada co sector comercial, ademáis da súa proxección externa para atraer novos clientes, ten funcións de dinamización interna.

En Santiago hay 3.922 estabelecementos comerciais e hosteleiros, segundo a Diagnose sobre o sector comercial e a hostalería elaborada pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio no ano 2006. Trátase dun sector que concentra altos porcentaxes de contratación, polo que cómpre potencialo a través de campañas publicitarias como Compostela Capital de Compras, nunhas datas, o Nadal, nas que se producen millóns de desprazamentos a destinos de proximidade e se realizan numerosas e importantes compras.

Sobre estos datos de desprazamentos, Xesús Pereira, indicou que, en 2006, o gasto medio do turista que visitou Galicia foi de 77,8 euros, dos que 9,24 estaban destinados a compras. Tamén indicou, en referencia ao turismo portugués, que no primeiro semestre de 2007, o gasto medio diario por turista foi de 93 euros, dos que 64 se destinaron a compras.

Compartir: