CULTURA

Adxudicada a redacción do proxecto da Casa das Máquinas

03/12/2007 A empresa Taller 8 Arquitectos será a encargada de redactar o proxecto básico e de seguridade das obras de rehabilitación da Casa das Máquinas, en Galeras. Así o decidiu a Xunta de Goberno, que adxudicou esta asistencia técnica por un importe de 29.900 euros.

O Goberno local tamén adxudicou, neste caso á empresa Atlas, Ecoservizos e Bioconstrucción a realización das análises específicas sobre os materiais estruturais e catas da cimentación do edificio, neste caso por 17.300 euros. Deste xeito, inícianse os traballos previos para por en marcha unha obra que rehabilitará a Casa das Máquinas ( o edificio de Fenosa en Galeras) para albergar o Centro de Estudos Locais Ánxel Casal. Segundo indicou o voceiro da Xunta de Goberno, Néstor Rego, a previsión é que o centro poida estar listo no segundo semestre de 2008.

A intervención permitirá rehabilitar un edificio de aproximadamente 300 metros cadrados, deseñado polo arquitecto Jesús López de Rego e construído en 1919 para albergar un transformador eléctrico. Potenciaranse os valores arquitectónicos e espaciais intrínsecos deste edificio, acondicionándoo para albergar os novos usos municipais.

A intervención neste edificio terá en conta a súa inserción na reforma integral que sufrirá en breve esta zona de Galeras. Así, solucionarase o problema do irregular aliñamento do edificio respecto da rúa e recuperarase a beirarrúa na marxe do vieiro que está a carón do edificio.

Compartir: