TURISMO

Martín Álvarez ensina a cociñar polbo en "Santiago de Compostela. Repetirás"

02/11/2007 Ante unhas 25 persoas, Martín Álvarez, cociñeiro e profesor do IES de Vilamarín (Ourense), acompañado polos seus alumnos Damián e Simón, impartiu un obradoiro gastronómico sobre a cociña do polbo dentro do programa "Santiago de Compostela. Repetirás" na Galería Sargadelos.

O obradoiro comezou cunha ensalada morna de polbo con cogomelo e vinagreta de nata. A continuación pasaron a elaborar unha tortilla de polbo con ortiga e unha tortilla de ortiga. Martín Álvarez conta co prestixioso Premio Gourmad 2006 á mellor monografía publicada en España polo seu libro "45 receitas con ortigas", que xa vai pola segunda edición, e é impulsor da cociña con esta planta. Tamén prepararon un rissoto con requeixo e polbo e polbo salteado. O público asistente puido degustar o saboroso resultado e o cociñeiro amosouse satisfeito coa experiencia, que tiña por obxectivo ensinar as múltiples receitas que existen con polbo, máis alá do polbo ‘á feira’.

Todo o polbo cociñado durante este mes nos obradoiros de "Santiago de Compostela. Repetirás" é cedido pola Confraría de Pescadores de Bueu, que vén de por en marcha a marca "Polbo das Rías" que garante a orixe galega deste polbo e a súa pesca artesanal na ría de Bueu, fundamentalmente en Ons e Cíes.

Estes obradoiros, nos que expertos cociñeiros preparan en directo as súas especialidades explicando o proceso de xeito que cada asistente poda repetir a experiencia na súa casa, impártense na Galería Sargadelos. Neles poden participar ata 45 persoas que, por tan só 10 euros, aprenderán durante dúas horas diferentes xeitos de cociñar polbo.

A seguinte fin de semana as actividades continúan cun obradoiro gastronómico impartido por Zulema García, cociñeira do coñecido establecemento de comidas "A viña de Xabi" (Santiago de Compostela) e unha excursión a Fisterra que inclúe a asistencia a una poxa de polbo na lonxa e a visita ao museo etnográfico sobre a vida mariñeira do Castelo de San Carlos.

Compartir: