CULTURA

Jane Birkin tivo unha cita con Compostela

01/12/2007 Jane Birkin recibiu o Premio Cineuropa nun acto celebrado no Salón Nobre da Casa do Concello. É o terceiro dos galardóns que se outorga nesta edición do Festival e un broche de ouro para outra exitosa convocatoria. Horas despois, a actriz, directora e cantante ofreceu un concerto que pechou un novo ciclo de Sons da Diversidade.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi o encargado de facer entrega do galardón a Jane Birkin, nun acto no que tamén participaron, entre outros, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e boa parte da Corporación. Estaba previsto que se lle entregara o premio no nunha gala o domingo día 2, pero motivos da axenda da artista obrigaron a cambiar o día de entrega.

Despois de recibir o Premio, a artista dirixiuse ao Auditorio, onde ofreceu un concerto no que presentou as cancións de Rendez-vous (cita) e onde tamén soaron temas do seu último disco, Fictions, e de anteriores traballos.

Unha prolífica traxectoria
Jane Birkin naceu en Londres no 1946 e é filla da actriz e cantante Judy Campbell. Na primeira metade dos sesenta introdúcese de cheo no ambiente pop do Swinging London e debuta como actriz aos 17 anos. Nesa época coñece ao compositor John Barry, quen a anima a debutar como cantante e co que se casará finalmente aos 19 anos.

No filme Blow Up, de Michelangelo Antonioni, protagoniza a súa primeira escena polémica (aparece espida), o que provoca un gran escándalo na súa cidade natal.

A finais dos 60 chega a Francia e coñece a Serge Gainsbourg, con quen formaría unha das parellas de moda na escena parisina. En 1969 con "Je t'aime... moi non plus", conseguirán un éxito mundial, unha canción moi sensual na que se poden escoitar os suspiros de Jane facendo o amor co seu compañeiro.

Como actriz ten unha extensa filmografía, despois dunha pausa no 1971-72 regresou como amante de Brigitte Bardot en Don Juan (or if Don Juan were a woman) en 1973.

En 1975, actuou na primeira película de Gainsbourg, tamén titulada Je t'aime, moi non plus, o que creou unha impotante polémica por causa da ambigüidade sexual mostrada no filme. Por esta interpretación foi nomeada para un Premio César á Mellor Actriz.

Foi protagonista no filme Death on the Nile e Evil Under the Sun, actuou en dous filmes de Jacques Doillon, La fille prodigue (1981) e La Pirate (1984, nomeada para un Premio César). Tamén ten aparecido con frecuencia no escenario de obras de teatro e concertos (en Francia, Xapón, Reino Unido e logo EE.UU.).

Como directora, a súa primeira obra é Boxes (2007) que se puido ver como primicia en Cineuropa.

Documentos relacionados



Compartir: