PREMIO DE EUROPA

Representantes das cidades Premio de Europa e membros do Consello asinan no Libro de Ouro da cidade

01/07/2005 Os actos de celebración do 50 aniversario da creación deste premio e do 20 aniversario da concesión desta distinción a Compostela continuaron durante a tarde do venres 1 de xullo. Tras unha visita guiada pola cidade, os alcaldes e representantes das cidades premiadas, membros do Consello de Europa, ex-presidentes e parlamentarios dirixíronse ao Concello, onde estaba prevista unha visita institucional e unha cea fría.

O vicepresidente da Asamblea parlamentaria do Consello de Europa, Claudio Azzolini; o presidente da delegación española en representación do Congreso e do Senado, Louis María de Puig; o presidente do Subcomité do Premio de Europa, Guy Lengagne, e o Presidente do Consello Comunal de Suíza, Jean-Christophe Borquin e a alcaldesa de Tübingen (Alemaña), Brigitte Russ-Scherer, asinaron no Libro de Ouro da Cidade.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, dirixiuse brevemente aos invitados europeos para finalizar os actos institucionais desta xornada conmemorativa. O rexedor compostelán desexou aos visitantes o disfrute da súa estancia, que, na súa opinión, serve tamén para "aprender uns dos outros e establecer lazos de colaboración". Sánchez Bugallo, facendo un símil entre a Praza do Obradoiro e a construción de Europa, sinalou que "esta praza do Obradoiro, rodeada de edificios de diferentes épocas, en conxunto funcionan". Neste senso, desexou a todos os invitados que "sexamos capaces de construír o noso continente no que xa é: un espazo de paz, prosperidade e progreso común".

Compartir: