CONSORCIO

A mostra "Galicia no gravado antigo" convértese en catálogo

27/11/2007 O Colexio de Fonseca alberga ata o 2 de decembro a exposición "Galicia no gravado antigo", 270 gravados da Colección Puertas Mosquera seleccionados dun total de máis de 800 do século XIX, dos que unha parte moi importante corresponden á cidade de Santiago. Esta mostra convértese agora en libro-catálogo.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou esta nova publicación, compendio da mostra promovida polo Consorcio de Santiago, en colaboración coa Universidade e coa Fundación Caixa Galicia. Reúne nun libro as reproducións da que quizais é a mellor colección privada de gravados que hai sobre Galicia.

Na exposición están representadas todas as técnicas do gravado, como augafortes, xilografías, litografías, augatintas, tallas doces (puntas secas, ao aceiro), etc. Amosan aspectos da vida cotiá, oficios, cidades e vilas, paisaxes urbanas, festas, folclore, acontecementos sociais e históricos ou escenas costumistas.

A cidade de Santiago ten especial relevancia nestes gravados, que reflicten monumentos, aspectos da vida da época e acontecementos destacados. Tamén hai gravados referidos ao Camiño e á peregrinación, e unha serie específica sobre a iconografía de Santiago feita por diversos artistas europeos.

Cómpre lembrar que a colección pertence ao compostelán de adopción Carmelo Puertas, orixinario de Cantabria, un dos maiores coleccionistas de gravado antigo. Case o 90% das obras expostas son do XIX e o resto, anteriores.

Compartir: