EDUCACIÓN

Nuke Trío noutro concerto didáctico

27/11/2007 O Teatro Principal acolle un novo concerto didáctico programado pola Concellería de Educación. Será o mércores 28 de novembro, ás 10.30 horas, e o protagonista será Nuke Trío, unha formación composta por clarinete baixo, guitarra e zanfoña.

Alumnos de primaria dos centros Arquitecto Casas Novoa, San Xurxo, Nosa Señora dos Remedios, Xuventude e San Francisco Xavier asistirán a este concerto. Todos eles poderán coñecer un instrumento como a zanfoña, un dos máis carismáticos e descoñecidos dos empregados na tradición galega. Para comprender a fisionomía e evolución dos instrumentos que se empregan contarase cunha proxección, na que se amosarán diferentes aspectos destes (imaxes, gravados, iconografía, curiosidades…), acompañados dunha pequena explicación.

O obxectivo destes concertos didácticos é ensinar a escoitar e comprender a música partindo de elementos sonoros da nosa tradición, dende o punto de vista da tímbrica e da morfoloxía dos instrumentos. Somérxese ao alumno nunha viaxe musical partindo dende a súa tradición ata outras culturas, para provocar unha maior apertura no seu coñecemento e na súa sensibilidade pola música.

Compartir: