EDUCACIÓN

Barcelona e a Limia, destinos da oferta de verán que organiza o Departamento de Educación para nenos e mozos composteláns

01/07/2005 Desde hai vinte anos o Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago oferta no tempo de verán diferentes propostas para o tempo de lecer dos nenos e mozos. Estas posibilidades para o verán son diferentes, atendendo a características organizativas, ás idades ou ao tamaño do grupo, entre outros factores.

A existencia dun programa educativo e para o lecer nunha época e cunhas características moi determinadas, o verán, que dea continuidade á proposta cultural e educativa coa que conta o Concello ao longo do ano é o obxectivo desta oferta para o verán.

Así mesmo, este programa ten unha serie de características que, dun xeito ou doutro, concorren nela. Dunha banda, trátase de descansar das tensións do curso escolar, nun ambiente lúdico e tamén solidario. Doutra, preténdese que os rapaces practiquen a solidariedade e aprendan doutras culturas e a convivir cos seus iguais.

Barcelona, Educa
O primeiro programa ofertado para este verán, "Barcelona, Educa" quere ofrecer aos rapaces un descubrimento global da Cidade Condal, espertando a curiosidade necesaria para coñecer e entender os aqueles elementos e feitos que a caracterizan, aspectos históricos, urbanísticos, arquitectónicos, sociais, políticos e funcionais. Deste xeito, haberá visitas aos lugares e espazos máis significativos de Barcelona e camiñarase polas rúas da cidade para entrar en contacto e coñecer o seu engranaxe e a diversidade de formas de vida. Por outra banda, o traballo de campo e as actividades que se realizan durante o percorrido servirán para reforzar a capacidade de observación e as vivencias que se descobren na cidade.
Os nenos que participen nesta viaxe partirán o domingo ás 15.30 horas desde a Dársena de Xoán XXIII.

Estadía de Educación Ambiental en O Viso-A Limia
Neste verán ofertáronse dúas estancias de educación ambiental, unha para os máis pequenos e outra para os maiores, na Limia, cunha duración dunha semana. Aínda que nestas actividades de verán se prima a faceta máis lúdica, insístese tamén no proxecto educativo que se desenvolve ao longo de todo o curso escolar, no que se pretende formar a nenos e nenas para que aprendan a convivir coa natureza dunha maneira harmónica, fomentando tamén a educación en valores.

Esta estancia permite a convivencia dun grupo de nenos e nenas e Santiago de Compostela e a participación na vida das xentes de Lodoselo. Este programa desenvolverase en Sarreaus e Xinzo, localidades situadas na comarca de A Limia (Ourense), a 700-900 m de altitude. O contorno do albergue conta con moitas posibilidades e recursos para disfrutar do medio natural e cultural e da súa paisaxe. Nas cercanías existen espazos naturais interesantes asociados á antiga Lagoa de Antela. Conta tamén cun patrimonio cultural e etnográfico moi rico, no que destacan as Torres da Limia, o seu Museo Etnográfico e a arquitectura tradicional dalgúns dos seus pobos. Todos estes valores convérteno nun lugar axeitado para o coñecemento da natureza e para fomentar o coidado e respecto á mesma.

O Albergue é tamén un centro de desenvolvemento rural de referencia. Está situado na parroquia de Santa María de Lodoselo. Foi casa reitoral de labranza, restaurada e habilitada para albergar a grupos e dinamizar á mocidade e maiores dos arredores.

A primeira quenda dos rapaces que participan nesta actividade será do 4 ao 10 de xullo, mentres que a segunda será do 15 ao 21 de xullo. En cada quenda participarán 25 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 10 anos na primeira quenda e de 10 a 13 anos na segunda.
En canto ao persoal que estará traballando cos rapaces, haberá un equipo de monitores que se complementa co persoal de cociña e servizo de limpeza do albergue e o seu coordinador. Ademais contarase con persoal especializado para determinadas actividades, coa colaboración especial de varias veciñas maiores do pobo de Lodoselo que ensinarán aos rapaces como se fía e como se fai unha fornada tradicional de pan, e a axuda puntual dos educadores do Centro "O Viso".

Os rapaces partirán os días 4 e 15 de xullo (1ª e 2ª quenda respectivamente), ás 10 h. da mañá da Dársena de Xoán XXIII de Santiago de Compostela.

Compartir: