TRANSPORTES

A baixada de bandeira dos taxis composteláns queda fixada en 3,10 euros

26/11/2007 O Goberno local aprobou as tarifas de auto-taxi para o ano 2008. A tarifa mínima de baixada de bandeira queda establecida en 3,10 euros en horario diurno. O importe por quilómetro percorrido será de 0,83 euros.

En horario nocturno, a percepción mínima queda fixada en 4,40 euros, e o importe por quilómetro percorrido en 1,25 euros. No caso dos festivos, o mínimo serán 3,70 euros, e o importe por quilómetro 1,04 euros. Cómpre aclarar que a contía mínima inclúe a combinación de cinco minutos de espera ou un percorrido de 1.700 metros. Para o aeroporto establécese un custo fixo de 17,50 euros.

A hora de espera pagarase en horario diurno a 16,70 euros, polos 25 euros en nocturno e os 20,80 en festivos. En canto aos suplementos, será de 0, 45 euros por maleta ou vulto e de 3 euros por bicicletas ou por reserva de servizo.

Os sábados a partir das 15:00 horas aplicarase a tarifa de festivos. O funcionamento da tarifa nocturna excluirá a aplicación de calquera outro suplemento. Os días 1 de xaneiro, 25 de xullo e 25 de decembro aplicarase a tarifa nocturna.

Compartir: