CULTURA

Máis de 15.000 persoas asistiron xa a Cineuropa

23/11/2007 Cineuropa segue a súa andaina con enorme éxito de público. Máis de 15.000 persoas puideron xa gozar do mellor cine nas catro salas nas que se desenvolve o festival: o Teatro Principal, o Salón Teatro, o CGAC e a Aula Sociocultural de Caixa Galicia.

Aínda queda moito cine por ver, xa que Cineuropa non remata ata o vindeiro 3 de decembro. Así, un dos filmes máis notorios dos diferentes festivais internacionais celebrados ao longo da tempada, No val de Elah chegará á cidade o martes 27. O filme é, xunto con Redacted, de Brian de Palma, xa proxectada no festival, unha das primeiras reaccións da crítica radical á actuación dos Estados Unidos en Irak. Dirixido por Paul Haggis, triunfador dos Oscar con Crash, é un drama protagonizado por Tomy Lee Jones, Charlize Theron e Susan Sarandon, e que soa xa con forza como candidato ás estatuíñas en febreiro de 2008.

Último pase dalgúns filmes
Ademais, na fin de semana do 24 e o 2, última oportunidade para ver algunha das películas que están este ano no festival. O sábado 24 poderase gozar do último pase de Caramel, coproducción libano-francesa dirixida por Nadine Labaki, e de 1408, filme de terror dirixido por Mikael Håfström e que conta no seu elenco con John Cusack e Samuel L. Jackson.

O domingo 25 será a última cita con Natureza morta, drama enmarcado dentro da sección Mundo Asia, e Morte dun presidente, falso documental dirixido por Gabriel Range que conta a hipótese de que pasaría se o presidente George W. Bush fora asasinado.

Premio do Público. Puntuacións
En canto ás puntuacións do público, encabeza a lista con 8 puntos The edge of heaven, drama turco-alemán dirixido por Fatih Akin, que amosa a través dunha serie de encontros, relacións e mesmo mortes, as fráxiles vidas de seis persoas que conectan durante as súas viaxes emocionais cara ao perdón e a reconciliación en Alemaña e Turquía.

Séguenlle moi de preto o drama francés Xuntos nada máis e o filme chino A voda de Tuya, con 7.9 puntos cada un; e A batalla por Haditha, drama bélico do Reino Unido, cun 7.8.

Compartir: