ALCALDÍA

As cidades Premio de Europa ratifican a súa confianza na construción solidaria de Europa

01/07/2005 As cidades Premio de Europa expresaron a súa confianza na superación da actual crise europea, na que as cidades deben contribuír a recuperar o entusiasmo da cidadanía, segundo expresou a Alcaldesa de Tübingen e Presidenta da Asociación de Cidades Premio Europa, Brigitte Russ-Scherer, no transcurso dos actos de celebración do 50 aniversario da creación destes galardóns polo Consello de Europa.

Este foi o espírito xeral que alentou a xuntanza que durante o venres e sábado, 1 e 2 de xullo, reúne en Compostela a membros e parlamentarios do Consello de Europa e autoridades de vintecinco das máis de sesenta cidades que ostentan o Premio de Europa, galardón co que o Consello de Europa recoñece a implicación das cidades na construción europea.

Os actos de celebración do 50 aniversario da creación deste premio coinciden co 20 aniversario da concesión desta distinción a Compostela, única cidade española que ata agora acadou este recoñecemento.

As distintas intervencións ao longo da xornada coincidiron en sinalar a gravidade da crise europea despois dos referendos celebrados en Francia e Holanda. Como subliñou Lluis María de Puig, presidente da Delegación española en representación do Congreso e o Senado, "lonxe de ser un encontro protocolario os actos de Santiago enmárcase nun momento de crise europea, unha crise que non sabemos que saída terá, pero evidentemente imos superar".

Puig lembrou non só que Santiago é a única cidade española designada Premio de Europa senón que o Camiño de Santiago fora distinguido polo Consello de Europa como "Primeiro itinerario cultural europeo", sinalando o camiño como un claro referente na construción de referentes culturais comúns e compartidos.

Na mesma perspectiva esperanzada e esperanzadora o alcalde de Santiago de Compostela, anfitrión dos actos, fixo fincapé en que a propia cidade de Santiago non existiría sen non tivera a referencia europea, lembrando que polo Camiño pasaron "nobres e canónicos, gótico e románico, música e literatura, formas políticas e ordes relixiosas, sementando un espazo común: Europa".

Recoñecendo que Europa atravesa un dos seus momentos históricos máis críticos, lembrou que as crises se producen en realidades vivas e dinámicas. Facendo un símil co esforzo e a esperanza que motiva aos peregrinos, Sánchez Bugallo afirmou que ao igual que o camiñante ás veces cae desfalecido, pérdese nos camiños e mesmo enferma, ao final retoma o seu camiño porque "ten claro o seu destino, non ten dúbidas sobre onde vai". Neste mesmo senso, e reiterando o exposto previamente pola alcaldesa de Tübingen, o alcalde compostelán afirmou que "Europa será a Europa dos cidadáns, ou non será".

Pola súa banda, o Presidente da Comisión do Premio Europa, Guy Lengagne, lembrou que o Consello de Europa non é Unión Europea, aínda que funciona na práctica como antecámara para os países que optan ao seu ingreso. O ex-alcalde dunha pequena localidade francesa pesqueira, tras expresar que "non sinto demasiado orgullo polos resultados do referendo da Constitución europea no meu país", insistiu en que "Europa non pode ofrecer máis do que ten" reiterando a necesidade de recuperar o protagonismo dos cidadáns, auténticos protagonistas da construción de Europa.

Na súa intervención o vicepresidente da Asamblea parlamentaria do Consello de Europa, Claudio Azzolini, expresou o seu agradecemento ao alcalde e á cidade de Santiago pola organización desta conmemoración.

Tras un almorzo de traballo, os convidados disfrutarán dunha visita guiada á cidade que inclúe a visita aos tellados da Catedral ata preto das oito da tarde, que acudirán ao Concello, onde o Presidente da Comisión asinará no Libro de Ouro da Cidade. Pola noite, asistirán ao concerto de Ainhoa Arteta, na praza do Obradoiro.

Na mañá da segunda xornada, o sábado 2 de xullo, farase unha visita ao inicio urbano do camiño de Santiago, no parque do Palacio de Congresos, en San Lázaro, onde se descubrirá unha placa conmemorativa do encontro. A continuación, os convidados asistirán á Misa do Peregrino e visitarán o interior da Catedral. Logo asistirán a un almorzo oficial ofrecido polo alcalde compostelán no convento de San Francisco.

Documentos relacionados



Compartir: