CONSORCIO

O "Compostela Organum Festival" remata co concerto de Joao Vaz e a Capella Patriarchal

23/11/2007 O domingo 25 de novembro remata na Igrexa de San Miguel dos Agros o ciclo de outono do "Compostela Organum Festival" co concerto de Joao Vaz, que interpretará pezas de Frei Diogo da Conceiçao, Antonio Carreira, Carlos Seixas, Francisco Antonio de Almeida, Frei Jacinto do Sacramento e Frei José Marqués da Silva.

O programa inclúe a presenza da Capella Patriarchal, proxecto destinado fundamentalmente á divulgación dos tesouros da música sacra portuguesa. Interpretando frecuentemente obras inéditas, conta cun coidadoso traballo previo de investigación das fontes musicais, así como un intenso esforzo de observación das prácticas interpretativas das diversas épocas. A presenza do órgano na súa formación permite non só a interpretación das obras no que o instrumento executa unha parte obrigada ou simplemente o baixo continuo, como tamén o repertorio mais antigo, seguindo a tradición da polifonía vocal acompañada polo órgano ou por outros instrumentos.

O organista Joao Vaz estudou no Instituo Gregoriano de Lisboa, do que hoxe é profesor. En 1988 acadou o Primeiro Premio Nacional do Concurso de Xuventudes Musicais de Portugal. Son frecuentes as súas colaboracións coa Orquestra Gulbenkian ou co grupo musical Segréis, de Lisboa. Así mesmo, destacan as súas gravacións discográficas con órganos históricos portugueses, entre as que destaca as da igrexa de San Vicente de Fóra, da capital lusa.

O órgano polifónico da igrexa de San Miguel dos Agros, feito en 1842, é o único exemplo conservado en Santiago do traballo de Pedro Gómez Mesnier, que fora organista da Catedral. Trátase dun órgano modesto, aínda que moi apto para interpretar todo o repertorio ibérico anterior ao século XIX. O instrumento, austero, conta cunha fachada de estilo clásico, acorde coa arquitectura do templo. Foi rehabilitado polo Consorcio de Santiago no ano 2001, encargando o traballo aos organistas Fréderic e Jean Desmottes.

Con este concerto remata unha nova edición dun festival que xa completara o seu ciclo de privamera con enorme éxito e que xa é un referente na programación cultural do Consorcio de Santiago en colaboración coa Asociación Musical Berenguela.

Compartir: