ALCALDÍA

Sánchez Bugallo demanda a participación activa dos concellos en temas como a educación infantil ou a Lei de Dependencia

23/11/2007 Na súa rolda habitual dos venres, o alcalde compostelán expresou a súa satisfacción pola elección do alcalde de Ames, Carlos Fernández, como presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Desexoulle sorte nun momento "que non é especialmente doado" e no que o organismo "debe ter un carácter máis urbano".

Sánchez Bugallo explicou que un dos retos da Fegamp será lograr que os concellos teñan unha "participación activa" en temas de política social, educación, vivenda ou xestión urbanística. En particular, referiuse á educación infantil e á aplicación da Lei de Dependencia. "Os concellos cremos no principio de subsidiariedade", manifestou para demandar a xestión nestes temas da administración máis próxima aos cidadáns". O alcalde pediu que "os concellos que esteamos dispostos a asumir compromisos e servizos, se nos de esa posibilidade".

Cidade da Cultura
O rexedor compostelán tamén se referiu á finalización das comparecencias na Comisión de Investigación da Cidade da Cultura. Afirmou a súa "total satisfacción co funcionamento e coas conclusións da Comisión", a pesar do temor inicial. Destacou o "compromiso de todo o arco parlamentario co proxecto e o das dúas forzas políticas do Goberno para levalo adiante".

Bugallo dixo estar convencido de que "non acabarán as críticas e os ataques, pero todos temos claro que esta é unha actuación que se vai rematar". Ao seu xuízo, "está cruzado o punto de non retorno".

Veciños do Eixo
Finalmente, o alcalde referiuse á decisión da Xunta de Tratamento da prisión de Teixeiro de propor o segundo grao para os tres veciños do Eixo. Apuntou o seu convencemento de que Institución Penitenciarias aprobará este réxime antes do Nadal. Este segundo grao permitiríalles saír da prisión para traballar. Sánchez Bugallo segue apostando polo indulto.

Compartir: