ALCALDÍA

Sánchez Bugallo aposta por un municipalismo pragmático e de consenso

22/11/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou na VII Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), celebrada no Pazo de Congresos. O encontro serve para elixir os novos órganos de dirección do organismo.

No acto solemne de apertura, Sánchez Bugallo apostou porque a Fegamp, na súa nova etapa, busque o acordo e "aqueles puntos que nos unen, máis alá das diferencias". Para o alcalde, o consenso será fundamental para que o organismo poida achegar solucións solidarias e reais tanto para os pequenos municipios como para as grandes urbes. Neste sentido, apelou á "unidade, pragmatismo e traballo conxunto", así coma ao diálogo coas outras administracións en beneficio das cidades e dos cidadáns.

Tamén nesta liña se pronunciou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apuntando o seu compromiso co municipalismo, "exercido a través da negociación, do consenso e da lealdade". Ademais, loubou o labor da Fegamp como "voz única do poder local", capaz de englobar "os intereses e demandas compartidos por todos os cidadáns de Galicia, deslindados do campo específico do debate ideolóxico e político".

Na sesión da tarde e tal como era previsible, o alcalde socialista de Ames, Carlos Fernandez, foi elixido como novo presidente da Fegamp.

Compartir: