TURISMO

Turismo de Santiago organiza un servizo diario de visitas guiadas en inglés

01/07/2005 Pónse en marcha un servizo de percorridos guiados en idioma inglés para todo o verán.

As visitas, que sairán diariamente ás 16:00 horas desde a porta de Incolsa, na rúa do Vilar, 63, levarán aos participantes polos monumentos máis sobranceiros do casco histórico compostelán, como a praza do Obradoiro, a Catedral, o Hostal dos Reis Católicos, as prazas barrocas e os mosteiros de San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares, entre outros.

De acordo con Turismo de Santiago, a iniciativa, que inicialmente se estenderá do 1 de xullo ao 15 de setembro, responde á necesidade de reforzar os servizos turísticos que Compostela pon á disposición dos seus visitantes, e beneficiará especialmente a aqueles que, por non falaren castelán, non tiñan posibilidade de sumarse ao tradicional percorrido que ofrece a Asociación de Guías Profesionais desde a praza das Praterías.

As novas visitas, de dúas horas de duración, teñen un prezo único de 8 euros por persoa e son gratuítas para os nenos menores de 12 anos.

Os turistas que desexen participar no percorrido só terán que presentarse na céntrica oficina de turismo municipal da rúa do Vilar minutos antes da saída. Os que desexen reservar ou adquirir previamente a súa entrada poden facelo na mesma oficina municipal de turismo, Viaxes Viloria, Oficina do Peregrino, hoteis e axencias de viaxe da cidade.

Compartir: