MULLER

A Concellaría da Muller apela á sensibilización dos homes contra a violencia de xénero

21/11/2007 Os actos programados pola Concellaría de Benestar Social e Muller con motivo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, teñen este ano aos homes como principais destinatarios. Así, o destacou a concelleira Mar Martín, ao sinalar que "o problema está nos homes que exercen a violencia, pero tamén naqueles que non se sublevan contra ela".

O obxectivo é "illar ao violento, que non se sinta protexido", apuntou Mar Martín na presentación dos actos previstos polo Concello. Así se reflicte tamén nun dos lemas da campaña: "Ti es home, outros para sentir que o son necesitan usar a violencia. E ti coñécelos". Trátase de demandar dos homes a súa axuda para erradicar a violencia de xéneros, porque como se lembra, "a súa vítima podería ser túa nai, a túa filla, a túa irmá…".

O programa de actos comezará o xoves 22 de novembro coa representación teatral "Vaguedás", a cargo de Teatro do Lume. É unha obra de teatro inspirada nos textos e na vida da escritora Rosalía de Castro". Como a propia compañía indica, a obra baséase sobre todo "na súa condición de muller, con todo o que iso quere decir no momento da súa existencia, e nas súas reivindicacións feministas a través dos seus textos". A representación terá lugar ás 20:30 horas na Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde,18) e a entrada é de balde.

Xa o venres 23 de novembro, celebrarase no Centro Sociocultural de Fontiñas, ás 11:00 horas, a entra de premios do VII Concurso "Educando na Convivencia en Igualdade", que este ano ten como lema "A miña visión sobre a violencia de xénero".

Hora e media despois terá lugar un acto de sensibilización contra a violencia de xénero na empresa Castrosúa (Boisaca-estrada da Coruña, km 59,5). Entre outras accións previstas, os homes que alí traballan recibirán cadansúa tarxeta de sensibilización cos lemas referidos.

Compartir: