ALCALDÍA

Unha mente marabillosa no Libro de Honra da Cidade

21/11/2007 O premio Nobel de Economía John Forbes Nash está en Compostela para participar no Programa "ConCiencia", organizado polo Consorcio e a Universidade. Dentro dos actos que tiña previstos, o prestixioso matemático pasou pola Casa do Concello, onde foi recibido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Alí asinou no Libro de Ouro da Cidade.

Dende o punto de vista mediático, John Nash é o participante estrela desta edición de "ConCiencia". A razón é o eco popular que acadou a súa vida logo de ser contada no filme "Unha mente marabillosa", que obtivo catro Oscar en 2001, entre eles o de mellor película. Pero o seu prestixio transcende a esta dimensión mediática e débese á súa análise pioneira do equilibrio na teoría de xogos non cooperativos e os procesos de negociación, aspectos polos que recibiu o Nobel de Economía en 1994.

A teoría de xogos é unha área da matemática aplicada (fundada por John von Neumann) que utiliza modelos para estudar interaccións en estruturas formalizadas de incentivos (os chamados xogos), de claro paralelismo cos sistemas económicos (de aí a súa importancia). Os investigadores desta área estudan as estratexias óptimas así como o comportamento previsto e observado dos individuos en competición. A evolución científica de Nash está marcada pola esquizofrenia, da que conseguiu unha notable recuperación.

Despois de recibilo en Raxoi, o propio alcalde asistiu á conferencia impartida por John F. Nash no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18). O seu título, "Diñeiro ideal e diñeiro asintoticamente ideal".

Compartir: