ALCALDÍA

As cidades atlánticas porán en marcha unha axenda territorial para corrixir os desequilibrios poboacionais

20/11/2007 Xosé A. Sánchez Bugallo, en calidade de Presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), participou en Xixón na Asemblea Xeral da Comisión Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), onde defendeu o papel das cidades como instrumentos de cohesión a nivel europeo e anunciou que Santiago presidirá un proxecto político para reducir os desequilibrios territoriais do Arco Atlántico e reforzar a súa identidade.

Durante o debate, Sánchez Bugallo mostrou a súa preocupación por buscar solucións que axuden a resolver os grandes problemas de desequilibrio territorial que afectan ás cidades e rexións do Arco Atlántico. Na exposición abordouse o complexo problema que afecta conxuntamente a estas dúas entidades territoriais. Dun lado, as áreas do rural e da costa teñen que facer fronte aos problemas de despoboamento, tralo abandono da xente moza que busca o seu modo de vida nos entornos urbanos. Doutro lado, as cidades, ao recibir estes contixentes de poboación, enfróntanse ao problema de poñer en marcha infraestruturas e servizos para os novos cidadáns para evitar problemas medioambientais e de exclusión social.

Todo isto xera un conxunto de gastos públicos destinados a paliar os desequilibrios de despoboamento rural por unha banda, e de aglomeracións urbanas, pola outra. A Axenda Territorial europea firmada en maio polos ministros responsables do ordenamento do territorio, pretende aliviar os gastos das cidades e das rexións introducindo innovacións nos orzamentos, cun cambio de foco nos investimentos que permita pasar "do cemento ao coñecemento". A Axenda Territorial recibirá un novo impulso coa firma definitiva do Tratado de Lisboa o 13 de decembro. A partir dese documento, os membros do Arco Atlántico propoñen promover cambios no enfoque das accións de I+D que se realizan no momento actual, para tratar de que os programas de desenvolvemento tecnolóxico se centren en resolver estes problemas de desequilibrio territorial, que fan que a masa crítica desapareza dunhas zonas e cree aglomeracións noutras.

Como presidente da CCAA, Sánchez Bugallo rematou a súa intervención no debate asumindo a responsabilidade que teñen as cidades neste asunto. Segundo Bugallo, "as cidades son o vector fundamental para buscar solucións aos problemas de desenvolvemento sostible porque poden actuar como cabezas visibles que lideren accións conxuntas para defender os intereses de áreas máis amplas". O presidente da CCAA tamén recordou que é o momento de actuar, aproveitando a coiuntura política que se dá en Europa nestes momentos, para impulsar diversos programas que resolvan cuestións relacionadas co transporte, o desenvolvemento urbano, o impulso económico, a educación e as redes culturais.

Por último, como coordinador do grupo de traballo Políticas e Estratexia da CCAA, Bugallo comprometeuse a encauzar un proxecto político que logre a cohesión territorial do Arco Atlántico e que reforce a súa identidade.

Compartir: