PROMOCIÓN ECONÓMICA

78 usuarios do Crear IV xa accederon ao mercado laboral

16/11/2007 78 usuarias/os do Proxecto Crear IV, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, accederon xa ao mercado laboral desde que comenzou o programa, en xuño do 2007. Esta cifra representa un 39% do total de participantes, só un punto por debaixo do 40% fixado como obxectivo pola Xunta de Galicia, cando aínda quedan catro meses para rematar o programa. Das 78 persoas inseridas laboralmente 54 son mulleres e 24 homes. No programa participan 200 desempregadas/os, 132, o 66% son mulleres, e 68, o 34%, son homes. Está previsto que o Crear IV remate o 31 de marzo do 2008.

O obxectivo do Proxecto Crear IV é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción. Desenvolvido pola Concellaría que dirixe Xosé Manuel Iglesias, ten un custe total de 420.000 euros, cofinanciados pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. Os obxectivos fixados pola Xunta de Galicia son de 80 insercións laborais, é dicir, o 40% das/os usuarias/os. Unha porcentaxe superada ampliamente no Crear III, no que participaron 100 desempregadas/os, e que posibilitou o acceso ao mercado laboral de 58 persoas (31 mulleres e 27 homes), o 58% do total. Ademáis, a través do Crear III xestionáronse 345 ofertas de emprego, visitáronse 88 empresas e programáronse 15 accións formativas abertas a todas/os as/os beneficiarias/os.

As persoas que participan no Proxecto Crear reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción. Despois dun primeiro contacto, os titores do programa realizan titorías persoalizadas, onde as/os usuarias/os van perfilando o seu Plan Persoal de Inserción. Trátase dun itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias. Unha vez concretado este plan, no que se definen os perfis profesionais das/os participantes, nunha segunda etapa desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. Está previsto que o vindeiro luns, 19 de novembro, comencen tres novos cursos, Access, Habilidades para a ocupación e para entrevistas de selección e Pintura, nos que se inscribiron 45 usuarias/os.

A terceira etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para as/os usuarias/os que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfís dos demandantes. A cuarta e última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Compartir: