BENESTAR SOCIAL

O alcalde salienta a disposición do Concello á hora de ceder terreos para a construción de novas residencias para maiores

16/11/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado de membros da corporación, asistiu á inauguración do Centro de Atención a Persoas Maiores de Volta do Castro, sita nunha parcela cedida polo Concello, na rúa Ildefonso Sánchez Mera, número 7. No acto inaugural, o rexedor fixo fincapé en que se seguirá traballando dende as administracións públicas para dotar a Santiago de máis residencias públicas para a terceira idade.

Neste sentido, o alcalde manifestou a total disposición do Concello á hora de ceder terreos de titularidade municipal para facilitar a creación destes centros e salientou que a construción de novas residencias para persoas maiores é unha necesidade de primeira orde en Santiago, e unha inversión que debe ser prioritaria para a administración. Sánchez Bugallo lembrou que na cidade a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos é algo superior ao 20%, un pouco máis baixa que a galega, que acada o 22%, e o número de prazas para este colectivo é insuficiente. O rexedro lembrou a Vicepresidencia a necesidade de construir un centro da terceira idade nas Fontiñas.

A residencia Volta do Castro ubícase nunha parcela de 6.472 metros cadrados que o Concello de Santiago cedeu á Xunta de Galicia para a súa construción. O edificio conta cun total de 150 prazas para persoas dependentes, ademais de dispor dun centro de día con 40 prazas para atender a pacientes con Alzheimer, mal que afecta a máis de mil persoas na nosa cidade. Os usuarios serán atendidos por un plantel de 126 traballadores.

Ademais da parcela na se construíu o centro de Volta do Castro, o concello compostelán cedeu recentemente outra parcela, de 4.650 metros cadrados, para a construción dunha nova residencia da terceira idade en Pontepedriña. A Fundación José Otero-Carmela Martínez é a encargada de levar a cabo a obra, que será de titularidade autonómica.

Desde o departamento de Benestar Social do Concello de Santiago xa se lle facilitou á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar unha lista coas persoas que necesitarían empregar os servizos do centro que hoxe se pon en marcha.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou que Santiago, como capital de Galicia, é o referente á hora de construción de residencias de maiores e centros de día.

Compartir: