NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Cámara de Comercio e o Concello premiarán o día 17 o uso do galego nas empresas compostelás nunha nova edición do galardón Manuel Beiras

15/11/2007 A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago de Compostela presentaron esta mañá, en rolda de prensa, a oitava edición dos Premios Manuel Beiras. No acto estiveron presentes o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez Silva. Estes premios tratan de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega. A entrega dos galardóns terá lugar o próximo día 17 de decembro no Hotel Araguaney, nun acto no que o idioma galego será o auténtico protagonista da velada e no que se fará entrega ás empresas escollidas dunha escultura de Acisclo Manzano. As empresas que desexen participar nesta edición teñen de prazo ata o próximo día 30 deste mes para presentar a súa documentación.

O premio ten un contido simbólico e non supón ninguna prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá da cidade. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. As empresas que optan a este galardón son todas as que estean implantadas no municipio de Santiago.

As empresas que desexen participar teñen que presentar unha proposta cubrindo un formulario que poden recoller na Oficina de Atención ao Público do Concello ou na Cámara de Comercio. Deben presentar tamén a documentación que demostre o emprego do galego nas actividades da empresa ou comercio. As categorías do premio son: empresas que veñan realizando un uso continuado do galego e aquelas empresas que se incorporaran recentemente ao seu uso. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade por salientar na súa contribución pola normalización da lingua galega no mundo empresarial. O xurado reunirase os próximos días 10 e 13 de decembro para decidir os galardoados.

O nome do premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Os galardoados na edición pasada foron: Aceiro, T 44 e o empresario Xaquín Mato.

Compartir: