EDUCACIÓN

Concello e Stop Accidentes únense para lembrar ás vítimas dos accidentes de tráfico e concienciar á cidadanía sobre esta problemática

15/11/2007 O próximo sábado, 17 de novembro, celébrase o Día Mundial en Recordo das Vítimas da Violencia viaria. Con este motivo, o Concello de Santiago e a Asociación Stop Accidentes van levar a cabo unha serie de actividades para concienciar a toda a sociedade, dende os máis pequenos ata os maiores, sobre unha problemática que cada ano se cobra a vida de millón e medio de persoas.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodriguez, e a presidenta de Stop Accidentes, Jeanne Piccard, presentaron en rolda de prensa os actos que se celebrarán o sábado 17 no Toural. As actividades darán comezo ás 11.30 da mañá cun obradoiro para nenos e nenas. Coas manualidades que elaboren, configurarán o "Panel en recordo das Vítimas". Tanto a concelleira como a presidenta do colectivo fixeron fincapé na importancia da educación viaria para que dende pequenos tomen conciencia da gravidade do problema.

Ás 12.30 actuará a Banda Municipal de Música e tralo concerto, Jeanne Piccard dará lectura a un manifesto ao que seguirá unha pequena intervención a cargo das autoridades presentes. Como colofón aos actos, gardarse un minuto de silencio en recordo de tódalas vítimas da violencia viaria.

Compartir: